09 set 2013

Operadores turísticos especializados en golf visitaron Galicia para coñecer a oferta galega nesta especialidade

Representantes de seis empresas comercializadoras de Irlanda, Holanda, Reino Unido e Alemaña visitaron instalacións, aloxamentos e outros servizos turísticos galegos.


Un grupo de representantes de seis operadores internacionais especializados na comercialización do golf como produto turístico visitaron recentemente a Comunidade galega co fin de coñecer a oferta turística galega nesta especialidade.

Convidados por Turismo de Galicia, os axentes turísticos percorreron as principais instalacións galegas para a práctica do golf, así como os aloxamentos e outros servizos de Turismo.

Os operadores procedían de Irlanda, Holanda, Reino Unido e Alemaña, e representan ás empresas Loraine Cunningham, Costa Golf, Golf de Costas, Primus Tours, Time 4 Golf Company GMBH e GTN Golf Travel Network. A selección dos participantes fíxose tendo en conta a súa importancia na intermediación das viaxes relacionados co golf.

O obxectivo desta viaxe de familiarización foi dar a coñecer Galicia como destino de golf a través dos seus campos e servizos complementarios para ser incluída nos programas específicos de golf do exterior, así como presentarlles aos operadores turísticos un produto concreto con distintas opcións.

Programa da visita

Os participantes nesta viaxe chegaron a Santiago de Compostela. Logo, trasladáronse a Mondariz Balneario. Puideron coñecer a oferta de Mondariz Balneario, mentres que os días 5 e 6 visitaron a Toxa e a súa infraestrutura hoteleira e de golf ademais do campo de Golf de Meis.

Na súa estadía en Galicia, os operadores turísticos especializados en golf tamén puideron coñecer parte da oferta turística das Rías Baixas e da cidade de Santiago de Compostela.

Turismo de Galicia aposta polo golf para a súa conversión en recurso turístico da comunidade. Desde a Administración Turística galega tense posto en marcha un Plan de Turismo de Golf 2010-2013 que pon en valor a oferta de golf de Galicia e que actúa sobre catro categorías: a imaxe e a comunicación; o produto; a comercialización e a promoción.
 

Arriba