16 set 2013

Galicia promocionaráse como destino náutico na feira Grand Pavois de La Rochelle que se celebrará entre os días 25 e 30 de setembro

Turismo de Galicia e Portos de Galicia, coa colaboración de clubes náuticos, concellos, portos deportivos e empresas de instalacións náuticas galegas participarán neste evento que é unha referencia do panorama náutico internacional e conta con máis de 860 expositores de 35 países.
Na presentación desta iniciativa promocional, a xerente de Turgalicia e o presidente de Portos de Galicia sinalaron a importancia da promoción internacional das singulares características do territorio galego e das súas infraestruturas portuarias, así como a súa relevancia como factor de desenvolvemento económico.
 

A xerente de Turgalicia presentou a participación de Galicia neste certame turístico.

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán e mais a xerente de Turgalicia, Carmen Pita Urgoiti presentaron a participación de Galicia na feira Grand Pavois que se celebrará do 25 ao 30 de setembro na vila francesa de La Rochelle.

A feira Grand Pavois celebra este ano a súa edición número 40 e tense convertido ao longo destas catro décadas nun dos eventos de maior relevancia do panorama náutico internacional, con máis de cen mil metros cadrados, 13 espazos temáticos, 700 embarcacións, 300 peiraos flotantes e mais de 860 expositores. O evento conta coa participación de 35 países e estará cuberto por máis de 200 xornalistas acreditados durante os seis días que dura o evento. Esta cita constitúe un acontecemento de primeira orde internacional no mundo da industria e actividade náutica. Está totalmente conectado co mercado internacional náutico e arroxa luz sobre as tendencias da industria náutica de producción para a exportación e importación.

Segundo explicou o presidente de Portos de Galicia, o ente público participa neste evento co obxectivo de consolidar Galicia como destino náutico de primeira orde internacional, unha liña de traballo estratéxica recollida no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020. Para este fin, o ente público presentará documentación escrita e audiovisual e participará en diversos foros de debate nos que reseñará a filosofía de ‘Galicia, porto único’ que defende a Xunta de Galicia e que se basea na plena coordinación dos 129 portos autonómicos e estatais que conforman o noso litoral. “Daremos a coñecer as potencialidades do sistema portuario galego que co seu traballo coordinado ten conformado unha oferta forte e competitiva de cara ao exterior”, explicou Durán Hermida.

Así mesmo, o presidente do ente público lembrou que cada ano pasan polas costas galegas arredor de 15.000 barcos, dos cales uns 4.000 realizan estadías de entre dúas e tres xornadas na nosa comunidade. A este respecto José Juan Durán reseñou que “estas cifras sitúannos nun vantaxoso punto de partida a nivel estatal, onde só son superadas por Baleares e establece un extraordinario nivel de negocio que intentamos optimizar con accións promocionais coma esta”.

Pola súa banda, a xerente de Turgalicia resaltou as potencialidades de Galicia como destino náutico, a súa capacidade de diferenciación a través da cultura e a industria ligada ao mar, así como as condicións singulares das nosas costas como o feito de ter 128 praias con Bandeira Azul –destino líder a nivel nacional- ou 17 portos con ese distintivo, así como o 53,3% das instalacións náutico-deportivas de toda España distinguidas coa Q de Calidade Turística. “Con esta carta de presentación estaremos por primeira vez presentes na Feria Grand Pavois de La Rochelle, un dos eventos máis relevantes do panorama náutico internacional, que conta con máis de 860 expositores de 35 países”, resaltou.

Esta iniciativa xurde da colaboración dos diferentes departamentos autonómicos –Portos de Galicia e Turismo de Galicia- cos concellos, colectivos de empresarios e clubes náuticos que contribuirán a reforzar a proposta de Galicia como destino náutico.

De igual modo, a xerente de Turgalicia incidiu en que o obxectivo desta esta acción promocional é “impulsar o turismo náutico galego e incrementar a súa capacidade de captación de mercados internacionais, así como potenciar o desenvolvemento económico das zonas asociadas á práctica da náutica”.

Arriba