16 set 2013

A Xunta aproba o proxecto de decreto para regular as follas de reclamacións de turismo

O novo texto inclúe novidades relacionadas coas follas de reclamacións que poderán ser descargadas directamente da internet e de xeito gratuíto polas empresarias e empresarios turísticos e cos datos de carácter persoal da persoa reclamante
 

O Consello da Xunta aprobou o proxecto de decreto polo que se regulan o libro de visitas da inspección turística e as follas de reclamacións de turismo. A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, establece o dereito das persoas usuarias turísticas a formular queixas e reclamacións, e a obriga das empresas turísticas a ter nos seus establecementos follas de reclamacións facilitadas pola Administración da Xunta de Galicia, cuxas características e procedemento para a tramitación se determinarán regulamentariamente.

No que respecta ao libro de visitas da inspección turística, os artigos 35.i) e 101.2 establecen como obriga das empresarias e empresarios turísticos a de dispoñer nos establecementos do libro de visitas da inspección turística á disposición das inspectoras e dos inspectores de turismo, coas características que regulamentariamente se determinen, en que se reflectirán as inspeccións que se leven a cabo e as súas circunstancias.

No relativo ao libro de visitas da inspección turística, o decreto establece tanto os órganos para a súa expedición, o contido do libro, a súa forma, así como as persoas responsables da súa custodia. Así mesmo, e no que respecta á regulación das follas de reclamacións de turismo, regula a obriga de dispoñer das follas, a súa forma, así como o procedemento para facer as reclamacións.

Entre as novidades do proxecto de decreto en relación coa normativa vixente contida no Decreto 297/2002, do 24 de outubro, polo que se regulan o libro de visitas da Inspección Turística e as follas de reclamacións de turismo, figura que no que respecta ao contido das follas de reclamacións e co obxecto de facilitar a súa formalización polas persoas usuarias turísticas, recóllese unha epígrafe para o pedimento ou solicitude, en que poderá indicarse de xeito expreso se se solicita a incoación dun procedemento sancionador, se se quere someter á arbitraxe de consumo o obxecto da reclamación, ou calquera outro pedimento en concreto.

Ao tempo, tamén se inclúen entre as novidades que as follas de reclamacións poderán ser descargadas directamente da internet e de xeito gratuíto polas empresarias e empresarios turísticos obrigados a poñer á disposición das persoas usuarias turísticas as follas de reclamacións de turismo, ou ben poden seguir solicitándoas ás areas provincias da Axencia Turismo de Galicia, logo do aboamento do prezo privado que se fixe na correspondente norma.

Así mesmo, e para a protección da intimidade das persoas reclamantes, establécese que na copia para a empresa ou establecemento turístico se excluirán os datos de carácter persoal da persoa reclamante, agás o seu nome e apelidos, de xeito que non se cause indefensión á persoa contra a cal se dirixe a reclamación.

Arriba