Un grupo de xornalistas especializados coñecen os Centros BTT do Salnés e Portas de Galicia nunha viaxe de familiarización organizada por Turismo de Galicia e Turespaña
Dende onte e ata mañá poderán visitar as instalacións dos centros recursos e servizos turísticos das Rías Baixas e o oriente ourensán, así como descubrir as potencialidades do destino Galicia para a práctica do turismo activo.
Esta actividade desenvólvese a través da colaboración entre Turismo de Galicia e a Oficina de Turismo de España en Lisboa.
Un grupo de oito xornalistas portugueses especializados no sector do mountain bike visitan dende onte e ata mañá a comunidade galega para coñecer de primeira man o novo produto turístico Centros BTT Galicia.
Ao longo destas tres xornadas terán a oportunidade de visitar o Centro BTT O Salnés, que xa leva máis de dous anos en funcionamento e o Centro BTT Portas de Galicia, que será inaugurado en próximas datas.
O obxectivo desta viaxe organizada por Turismo de Galicia en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Lisboa, é que os xornalistas poidan coñecer de preto as instalacións dos dous centros, así como realizar en cada un deles unha ruta en bicicleta polos espazos máis característicos dos mesmos.
No Salnés realizaron un percorrido de dúas horas entre Os Muíños de Armenteira e o mosteiro de Armenteira e en Portas de Galicia farase unha saída que percorrerá diferentes tramos de rutas polos concellos da Gudiña, Vilariño de Conso e Viana do Bolo.
Ademais de coñecer estes dous destinos realizaron unha visita polo casco histórico de Pontevedra, no primeiro día, así como un percorrido pola vila de Sanxenxo.
Durante a segunda xornada está planificada unha visita a Allariz para coñecer o seu caso histórico e os xardíns da vila. O último día os visitantes poderán coñecer Viana do Bolo e outros puntos turísticos dos concellos que conforman a zona integrada no PCT Portas de Galicia.
Os xornalistas participantes nesta viaxe escriben para Bike Magazine; FreeBike; Pedal; Clube BTT Zona 25; Asibikers; e AC-Trilhos e Aventura.