Decretadas tres novas festas galegas de interese turístico
A Festa da castaña de Folgoso do Courel, o Entroido dos Xenerais do Ulla e a Festa das Pepitas de Ferrol.
Con estas declaracións, a comunidade conta xa con 93 festas de Interese Turístico de Galicia, 13 festas de Interese Turístico Nacional e 6 festas de Interese Turístico Internacional.
O Consello da Xunta aprobou a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Festa da Castaña de Folgoso do Courel. Esta festividade ten lugar tradicionalmente no concello de Folgoso do Courel, alternativamente en Folgoso e en Seoane e celébrase a comezos do mes de novembro desde o ano 1986.
As xentes da comarca reúnense neste enclave para degustar castañas asadas e viño acompañados por actuacións musicais da banda de gaitas e por outras actuacións e actividades como exposicións de artesanía rural, celebracións relixiosas ou tamén degustacións de produtos derivados da castaña ou que teñen as castañas como ingrediente principal. A declaración comporta a súa inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia.
O Consello da Xunta aprobou tamén a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para o Entroido dos Xenerais do Ulla de Boqueixón, Teo, Touro, Vedra, Santiago de Compostela, Vila de Cruces, Silleda e A Estrada. O Entroido dos Xenerais do Ulla cumpre os criterios precisos para a súa valoración e trátase dunha celebración orixinal da comarca da Ulla, con referencias documentadas nos anos 70 do século XIX e conta cunha alta participación, de modo que presenta orixinalidade, antigüidade e arraigamento.
Os personaxes máis relevantes desta celebración son os xenerais e os correos a cabalo que, acompañados de abandeirados, coros, comparsas e parrandas, percorren as parroquias da zona e escenifican diversas escenas. As diferentes parroquias presentan incluso singularidades e manteñen os seus trazos definitorios. A espectacularidade deste Entroido tradicional galego logra atraer cada ano a numerosos viaxeiros á comarca da Ulla na que existen numerosos puntos de interese turístico.
A declaración comporta a súa inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Por último, tamén foi aprobada a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Festa das Pepitas, en Ferrol xa que, ademais de cumprir os requisitos pertinentes, constitúe un importante reclamo para a zona. A festa celébrase na véspera da celebración de San Xosé.
Trátase dunha festa que se vén celebrando desde finais do século XIX na que os ferroláns e os visitantes homenaxean ás ‘pepitas’ a través de rondallas e cantigas. Numerosos grupos de Ferrol e a súa comarca, con guitarras e outros instrumentos musicais e ataviados con capas van rondar baixo os balcóns das casas. Tamén se celebra un festival no que participan as rondallas da cidade, entre outras múltiples actividades.