Dous paradores galegos reciben o primeiro e segundo premio na ‘III Edición dos Traveller’s Choice Paradores’ outorgados por Tripadvisor
O Hostal dos Reis Católicos e o Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil ocupan os dous primeiros postos do ranking baseado nas opinións dos usuarios da web de viaxes TripAdvisor.
A directora de Turismo, Nava Castro, interveu no acto de entrega de premios e resaltou a aposta pola calidade e a excelencia dos dous establecementos e o impulso do destino Galicia ás iniciativas que promoven a calidade e a diferenciación
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, interveu esta mañá no acto de entrega dos premios Traveller’s Choice Paradores, que outorga TripAdvisor segundo un ranking baseado nas opinións dos usuarios desa web de viaxes. A entrega de galardóns celebrouse no Hostal dos Reis Católicos, precisamente o establecemento ao que se lle concedeu o primeiro premio da clasificación.
No acto estiveron presentes tamén a presidenta de Paradores de Turismo, Ángeles Alarcó; a Media Relations Manager de Tripadvisor, Blanca Zayas; o alcalde de Santiago de Compostela, Ángel Currás así como a delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo.
Os galardóns, concedidos a dez Paradores, sitúan no primeiro e segundo posto, respectivamente, ao Hostal dos Reis Católicos de Santiago e máis ao Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, na Ribeira Sacra. Os Paradores de Alcalá de Henares, Oropesa, Aiguablava, Cangas de Onís, Cardona, Plasencia, Cáceres e Nerja completan o ranking.
A directora de Turismo de Galicia resaltou que é “unha honra para Galicia, nomeadamente para a Administración Turística galega, contar cos dous primeiros postos nesta clasificación que premia o bo servizo e a calidade”. Este premio, segundo dixo, recoñece o traballo de todo o persoal implicado no establecemento e debe considerarse un “punto de partida que dea continuidade ao traballo realizado ata o momento e funcione como aliciente para seguir traballando na boa dirección”.
Nava Castro explicou tamén que hoxe o turista require un trato máis individualizado, un maior coñecemento, unha gran demanda de información específica e unha gran capacidade de interactuación a través das redes sociais que, segundo resaltou, “xa están presentes en todo o ciclo da viaxe, dende a organización e planificación, ata o propio destino e á hora de compartir a experiencia”.
“Para Turismo de Galicia é un orgullo contar entre a nosa oferta turística de aloxamento e restauración con estes dous establecementos porque outorgan prestixio e diferenciación ao destino, porque inciden na nos imaxe de destino de calidade e porque conforman unha parte viva do noso patrimonio máis prezado”, comentou a directora de Turismo de Galicia.