Galicia acollerá por primeira vez en xuño deste ano a 98ª reunión do Consello Executivo da Organización Mundial do Turismo
As sesións terán lugar no Hostal dos Reis Católicos de Santiago entre os días 4 e 6 de xuño e está prevista a presenza dunha decena de ministros dos 32 estados representados.
A reunión enmárcase nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.
A Organización Mundial do Turismo é a principal organización internacional no ámbito turístico e impulsa un turismo que contribúa ao crecementoeconómico, ao desenvolvemento incluínte e á sostibilidade. ambiental e conta con 156 Estados membros
Galicia acollerá por primeira vez o Consello Executivo da Organización Mundial do Turismo, segundo se anunciou onte ao término da reunión do Consello de Ministros. A capital de Galicia será a sede da reunión número 98 do Consello Executivo da OMT. As datas fixadas para a reunión son o 4, 5 e 6 de xuño e as sesións de traballo terán lugar no Hostal dos Reis Católicos.
A reunión do Consello Executivo enmárcase nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela, un extenso programa cultural, expositivo, científico e congresual que se celebra en Galicia entre mediados de 2013 e mediados de 2015 para conmemorar esta efeméride.
A mesa do Consello Executivo para 2014 está presidida por Indonesia e vicepresidida por Jamaica e Monzambique. Conta con 32 membros. Agárdase a presenza no Consello Executivo 2014 en Santiago de Compostela dunha decena de ministros dos Estados representados.
A misión do consello é adoptar as medidas necesarias, en consulta co secretario xeral, para o cumprimento das súas propias decisión e das resolucións da Asemblea Xeral, informado a esta da súa actuación. Reúnese polo menos dúas veces ao ano. A reunión número 97, celebrada en agosto do ano pasado, tivo lugar en Livingstone (Zambia). As Cataratas Victoria en Zimbabue e Belgrado, en Serbia foron as sedes anteriores. Madrid acolleu en xuño de 2012 a última reunión en España, a número 93.
A Organización Mundial do Turismo é o organismo das Nacións Unidas encargado da promoción dun turismo responsable, sostible e accesible para todos. Trátase da principal organización internacional no ámbito turístico e incide na contribución do sector turístico ao crecemento económico, ao desenvolvemento incluínte e á sostibilidade ambiental, ofrecendo liderado e apoio ao sector. Conta con 156 Estados membros.
A OMT defende a aplicación do Código Ético Mundial do Turismo para maximizar a contribución socioeconómica do sector minimizando os posibles impactos negativos. Ao tempo, ten o compromiso de promover o turismo como instrumento para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento das Nacións Unidas para o Milenio (OMD).
Ao tempo, a OMT promove a competitividade nas políticas turísticas, fomenta a formación en materia de turismo e traballa para desenvolver o sector turístico a través de proxectos de asistencia técnica en máis dun cento de países de todo o mundo.
VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago
Galicia será ata mediados de 2015 o epicentro do turismo cultural internacional grazas á conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, que contará con outros importantes eventos congresuais entre os actos máis significativos –ademais de con esta reunión do Consello Executivo da OMT- como é o caso do I Congreso Internacional de Peregrinacións e Turismo, que conta tamén coa colaboración da Organización Mundial do Turismo; así como co I Cumio de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.