V Congreso de Turismo Industrial e III edición de crossroads of Europe
Do 17 ao 20 de xuño de 2014 celebrarase a 3ª Edición do Crossroads of Europe conxuntamente co 5º Congreso Europeo de Turismo Industrial, organizado pola Deputación da Coruña, a Dirección Xeral de Empresa e Industria da Comisión Europea, CCI France (Asemblea das Cámaras de Comercio e Industria francesas) e a Cámara de Comercio e Industria de Toledo.
A cidade escollida como anfitrioa foi Ferrol que, pola súa idiosincrasia preséntase como o marco perfecto onde gozar de catro días intensos cunha programación atractiva para o público en xeral.
Baixo o lema “Identidade, Industria e Cultura”, os asistentes ademais de gozar da oferta clásica de Ferrol como “A Ruta da construción Naval” ou os percorridos a través do seu patrimonio cultural e artístico, poderán aproveitar a estancia para coñecer outros recunchos galegos como as cidades Santiago de Compostela ou A Coruña. Ou vivir experiencias “industriais” visitando as entrañas de empresas de prestixio internacional como Inditex ou Navantia. Ou facer un percorrido pola costa seguindo “A Ruta Conserveira”.
Así mesmo, a Fundación NovaCaixa Galicia acollerá unha exposición paralela ao congreso en gran parte dedicada aos distintos itinerarios culturais certificados polo Consello de Europa.
O evento, cuxa sede principal será o Teatro Jofre, diríxese a todas as persoas interesadas en descubrir as rutas culturais europeas como nova forma de turismo, destacando especialmente o turismo industrial.
Máis información e inscricións na web oficial do congreso: www.europeanindustrialtourism.com.