O Consello da Xunta aprobou o proxecto de acordo polo que se autoriza a subscrición do convenio de colaboración entre Turismo de Galicia, a Organización Mundial do Turismo e a Secretaría de Estado do Turismo para a organización deste encontro que se celebrará os días 17, 18 e 19 de setembro
O encontro enmárcase nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago (1214-2014)
O título do evento será ‘I Congreso Internacional sobre Peregrinacións e Turismo:humanidade peregrina. O turismo e os camiños e lugares sagrados. Unha mirada cara o pasado e as perspectivas no século XXI’
O Consello da Xunta aprobou o proxecto de acordo polo que se autoriza a subscrición do convenio de colaboración entre a Organización Mundial do Turismo (OMT), Turismo de Galicia e mais a Secretaría de Estado de Turismo para a organización do primeiro congreso internacional sobre peregrinacións e turismo, que se celebrará na capital galega entre os días 17 e 19 de setembro de 2014.
O congreso forma parte da programación dos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago (1214-2014) que se estenden dende mediados deste ano ata mediados do ano 2015.
O obxecto do acordo aprobado polo Consello da Xunta é establecer as bases de colaboración entre as partes para posibilitar a celebración do I Congreso Internacional sobre Peregrinacións e Turismo: humanidade peregrina. O turismo e os camiños e lugares sagrados. Unha mirada cara o pasado e as perspectivas no século XXI.
A OMT e a Xunta de Galicia formarán un Comité Organizativo conxunto que estará composto por funcionarios de ambos organismos encargados de supervisar a preparación e a loxística do evento.
O congreso ten como finalidade sensibilizar á comunidade internacional sobre a crecente importancia das peregrinacións e do turismo espiritual; poñer de relevo o significado histórico e cultural das peregrinacións, tanto dos seus aspectos relixiosos coma seculares; así como das rutas culturais como fenómeno universal; discutir políticas e estratexias para a salvagarda e a xestión do patrimonio ao longo das rutas e resaltar a contribución positiva das peregrinacións ao crecemento sostible, responsable e pacífico das economías e sociedades a escala global.
En virtude do acordo, a Secretaría de Estado do Turismo comprométese a tomar todas as medidas necesarias para facilitar a entrada, a estadía e saída do territorio aos participantes.
A Organización Mundial do Turismo e a Xunta de Galicia enviarán convites conxuntos aos seus destinatarios oficiais. De igual modo, a Xunta de Galicia de común acordo coa OMT proporcionará para o congreso o persoal, a sala, os despachos e equipos necesarios para organización e celebración do congreso.
A OMT é un organismo especializado das Nacións Unidas e a principal organización internacional pública no eido do turismo e está integrada por 162 países e territorios, así como por máis de 400 membros afiliados que representan ao sector privado, a institucións de ensino, a asociacións turísticas e a autoridades locais de turismo.
A Secretaría de Estado é o órgano do Goberno de España encargado de levar a cabo políticas turísticas do Estado e a cooperación turística internacional, en coordinación co Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación.