A directora de Turismo de Galicia presidiu a apertura da primeira xuntanza do Comité Asesor Xantar 2014
Xantar chega á súa edición número 15 co obxectivo de posicionar Galicia entre os destinos gastronómicos caracterizados pola calidade.
Nava Castro presidiu a apertura da primeira sesión do Comité Asesor de Xantar 2014, o Salón Galego de Gastronomía e Turismo que se celebra en Ourense e que no vindeiro ano chegará á súa edición número 15. Segundo explicou a directora de Turismo, “iniciar a andaina dunha nova edición do Salón Galego de Gastronomía e Xantar é sempre unha ledicia porque significa que Galicia segue a apostar pola calidade e polos elementos diferenciais para o desenvolvemento turístico do destino, para lograr o equilibrio territorial e para poñer en valor aquilo que nos identifica e que nos sitúa á vangarda da calidade gastronómica”.
Nava Castro tamén incidiu no feito de que a gastronomía, tanto como reclamo fundamental ou como complemento doutras experiencias turísticas, constitúe o elemento máis identificativo da calidade do noso destino. De igual modo, recalcou o carácter da enogastronomía como potente elemento de fidelización ao destino Galicia e a súa capacidade desestacionalizadora e de posta en valor do territorio.
12.000 metros cadrados a disposición de expositores e restaurantes
A vindeira edición do Salón Galego da Gastronomía e o Turismo transformará, unha vez máis, o recinto de Expourense nun gran centro de restauración. En 12.000 metros cadrados cubertos, recréanse arredor restaurantes con todo luxo de detalles e servizos.
A calidade, tanto das materias primas utilizadas como do servizo prestado, é o elemento identificativo deste evento que pretende posicionar Galicia entre os destinos enogastronómicos que destacan pola súa calidade e pola mestura maxistral da tradición e a vangarda culinaria.
Xantar conta con actividades relacionadas coa gastronomía e a promoción dos recursos turísticos como conferencias, presentacións de libros, obradoiros, catas e degustacións, ou eventos expositivos.