19 nov 2013

Mondariz-Balneario acolle a final do Circuíto de golf sénior Turismo de Galicia no que participaron 800 golfistas de todas España

Nesta fase final, que se desenvolverá ata o día 21 de novembro, participarán os catro mellores xogadores de cada unha das 12 probas da fase previa nas modalidades primeiro scratch, primeiro hándicap, primeiro máster sénior e primeira dama.

Os torneos previos á final celebráronse entre xuño e outubro en Salamanca, Santander, Sevilla, A Coruña, Bilbao, Burgos, Asturias, Tarragona, Pantón, Madrid, Valladolid e Navarra.
 

Corenta e oito golfistas da categoría sénior, dos 800 que participaron no III Circuíto de golf Turismo de Galicia, competirán ata o día 21 de novembro na fase final deste torneo que se celebrará no campo de golf de Mondariz-Balneario para optar a un dos seis premios que se outorgan este ano.

Os 48 participantes nesta fase final optarán aos premios primeiro e segundo scratch, primeiro e segundo hándicap, primeiro máster senior e primeira dama.

Este torneo desenvólvese logo da celebración do I e II circuítos de golf sénior Turismo de Galicia, que tiveron lugar nos anos 2011 e e 2012 e nos que participaron máis de 700 golfistas de toda España.

As probas do III Circuíto de golf sénior Turismo de Galicia celébranse desde o pasado 26 de xuño, cando se iniciara a fase previa do torneo na cidade da Coruña. Logo viñeron as probas en Bilbao, Burgos, Asturias, Tarragona, Navarra, Pantón, Madrid, Valladolid, Salamanca, Santander e Sevilla.

Produto turístico
Desde o punto de vista da promoción turística de Galicia, o Circuíto de Golf sénior consiste na creación dun produto destinado ao xogador de golf sénior, concibido mediante a combinación de tres atributos específicos integrados nas fortalezas da oferta turística galega: termalismo, gastronomía e campos de golf.

Os obxectivos do produto de golf sénior son, por unha parte, posicionar Galicia como o destino ideal para o xogador de golf de máis idade e atraer os xogadores nacionais deste perfil para que visiten a Comunidade galega, ofrecéndolles unha alternativa turística diferenciada e altamente valorada por estes.

Ademais, con esta iniciativa, preténdese servir de enlace entre a industria do golf e a industria turística local.

Este circuíto de golf facilitará tamén a presentación da oferta de campos e servizos turísticos mediante un produto estratexicamente diferenciado.


 

Arriba