Galicia rexistra a segunda subida na cifra de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros máis elevada do estado nos dez primeiros meses de 2013
Entre xaneiro e outubro, os establecementos hoteleiros da comunidade rexistraron un 5,2% máis de viaxeiros e un 1,8% máis de pernoitas que no mesmo período de 2012 e no caso dos viaxeiros internacionais a suba chega ao 12,3% na cifra de viaxeiros e ao 9,3% no tocante ás pernoitas.
Tamén no mes de outubro a cifra de viaxeiros internacionais medrou un 8,7% e a de pernoitas un 5,2%. O seu peso na estrutura da demanda chega ao 27,6% superando os 80.000 viaxeiros estranxeiros que xeraron xa un 23,3% do total das pernoitas nos establecementos hoteleiros galegos no mes de outubro.
Galicia rexistrou entre xaneiro e outubro de 2013 a segunda taxa de crecemento na cifra de viaxeiros máis elevada do Estado. Só a comunidade Navarra rexistra cifras superiores. En total, nos dez primeiros meses deste ano Galicia rexistrou nos seus establecementos hoteleiros unha suba na cifra de viaxeiros aloxados que supera nun 5,2% a rexistrada nos dez primeiros meses de 2012. O mesmo acontece coa cifra de pernoitas, que medrou un 1,8% a respecto do mesmo período do ano pasado.
De igual modo acontece coa cifra de viaxeiros estranxeiros, dado que o número de viaxeiros internacionais aloxados en hoteis no que vai de ano medrou un 12,3% e o de pernoitas un 9,3%. No que vai de ano, máis de 3 millóns de viaxeiros se aloxaron en establecementos hoteleiros galegos.
Turismo internacional en outubro
A boa dinámica do turismo internacional rexístrase de igual modo nas cifras correspondentes á Enquisa de Ocupación Hoteleira do INE para o mes de outubro. De tal xeito que o bo comportamento dos últimos meses no tocante a este tipo de turismo consolídase, a cifra de viaxeiros internacionais medra un 8,7% e a de pernoitas un 5,2% a respecto de outubro de 2012. Rexístrase deste xeito unha cifra histórica nesta tipoloxía de viaxeiros neste mes, con máis de 80.000, o que supón o seu peso máximo na estrutura da demanda, un 27,6%. Os viaxeiros internacionais supuxeron un 23,3% do total das pernoitas rexistradas en outubro nos establecementos hoteleiros de Galicia.
Camiño de Santiago
No que vai de ano, a Oficina de Acollida ao Peregrino de Santiago de Compostela recibiu 213.410 peregrinos, isto é, 23.068 máis que no mesmo período do ano pasado o que implica unha suba do 12,12% na cifra de Compostelas expedidas.
Do mesmo xeito, os albergues da rede pública rexistraron no que vai de ano 329.888 pernoitas, entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro, un 1,02% máis que no mesmo período do ano pasado.