28 nov 2013

Operadores rusos visitarán Galicia en 2014 para realizar unha viaxe de familiarización tras o encontro entre Turismo de Galicia e a Association of Touroperators of Russia

IIrina Rudenko, a vicepresidenta do Comité de Turismo e Hotelería de Moscova; o embaixador de España en Rusia, José Ignacio Carbajal Gárate e máis a directora da Association of Touroperators of Russia –ATOR-, Maya Lomizde mantiveron senllos encontros de traballo coa directora de Turismo de Galicia.


Turismo de Galicia e ATOR acordaron a organización dun famtrip a Galicia en 2014, dado o crecente interese dos operadores rusos polo destino Galicia.


Galicia recibiu durante o 2012 un total de 7.142 turistas procedentes de Rusia que se aloxaron nos establecementos hoteleiros da comunidade, o que implica un 31,6% máis que o ano anterior. Ao tempo, no que vai deste ano 518 peregrinos procedentes de Rusia recolleron a Compostela.
 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e máis a vicepresidenta do Comité de Turismo e Hotelería de Moscova, Irina Rudenko

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo tres encontro de traballo na capital moscovita. O primeiro deles foi coa Vicepresidenta do Comité de Turismo e Hotelería de Moscova, Irina Rudenko; na que ambas estiveron acompañadas polo director da Oficina Española de Turismo en Moscova, Félix de Paz.

Posteriormente, a directora de Turismo de Galicia mantivo un encontro de traballo coa presidenta da Association of Touroperators of Russia –ATOR, Maya Lomizde. Neste encontro, acordouse a organización dunha viaxe de familiarización para axentes de viaxes e toureperadores ao destino Galicia, dado o crecente interese dos operadores turísticos rusos polo destino Galicia.

Nava Castro reuniuse tamén co embaixador de España en Rusia. José Ignacio Carbajal ocupa o cargo de embaixador na capital moscovita dende xullo de 2012 e ten sido secretario na Embaixada de España en Santo Domingo, Estocolmo e Londres así como embaixador de España nos Estados Unidos Mexicanos e en Canadá, entre outros cargos como o de cónsul xeral de España en Londres.

A estadía en Moscova da delegación de Turismo de Galicia incluíu, ademais dunha acción promocional dirixida á prensa especializada rusa e máis unha presentación para os axentes e touroperadores máis importantes do país, este encontro de traballo no que a directora de Turismo de Galicia e o embaixador de España en Rusia expuxeron diversos aspectos relacionados coa promoción de Galicia en Rusia. Cómpre destacar o crecente interese que os rusos amosan polo Camiño de Santiago así como o aumento da afluencia de turistas rusos que se achegan a coñecer o destino Galicia atraídos fundamentalmente pola cultura e a enogastronomía.

Durante o ano 2012, chegaron a Galicia un total de 7.142 turistas procedentes de Rusia que se aloxaron nos establecementos hoteleiros de Galicia. Esta cifra supuxo un importante incremento respecto da cifra de viaxeiros recibidos no ano anterior. Este pasado ano Galicia recibiu, xa que logo, un 31,6% máis de turistas procedentes de Rusia. Eses viaxeiros realizaron 13.524 pernoitas, o que supuxo tamén un aumento na cifra de noites do 19% respecto das rexistradas en 2011.

De igual modo, medrou o interese polas Rutas Xacobeas no mercado ruso. De xeito que dende comezos deste ano contabilizáronse un total de 518 Compostelas expedidas a peregrinos procedentes de Rusia, o que significa un 5,28% máis que no mesmo período do ano pasado. Rusia ocupa o posto número 29 no ránking por nacionalidades do Camiño de Santiago que integra a máis dun cento de países.

Presenza de Galicia na feira MITT de Moscova
O pasado mes de marzo, Turismo de Galicia estivo presente na feira Moscow International Travel & Tourism (MITT), o certame turístico máis importante dos que se celebran en Rusia.

Turismo de Galicia participou cun módulo de exposición no que difundiu a oferta turística galega no mercado ruso, un dos mercados emerxentes de maior interese para a comunidade. Por segundo ano consecutivo Galicia estivo presente neste certame e esta presenza deu lugar á organización dunha viaxe de familiarización para axentes de viaxes rusos e a inclusión de parte da oferta turística galega nos catálogos da maiorista Marfil. O ano pasado, Turismo de Galicia participou tamén nunha misión comercial organizada por Turespaña para contactar con operadores turísticos das cidades de San Petersburgo e Moscova.

Arriba