Nava Castro resalta o potencial de internacionalización da cociña galega no Fórum Gastronómico 2014
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, interviu no acto de presentación do Fórum Gastronómico 2014 que se celebrará na cidade herculina no mes de febreiro. O acto contou coa presenza do alcalde da Coruña, Carlos Negreira; do presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo; do co-director do Fórum, Jaume Von Arend; do Xefe de Trade Marketing de Hijos de Rivera-Estrella Galicia, Manel Pérez Piñón; e mais do restaurador, Luis Veira de Árbore da Veira.
Durante o acto, no que se avanzaron as novidades que conterá esta cuarta edición en Galicia do Fórum dende a súa primeira edición en 1999, a directora de Turismo de Galicia recalcou a gran calidade do evento así como a gran oportunidade para a cidade da Coruña e mais para o conxunto do destino Galicia que o Fórum Gastronómico supón porque “outorga a posibilidade de proxectar ao escaparate mundial a magnífica gastronomía do destino que conta cunha das ofertas de restauración máis variada, coidada e singular”.
Nava Catro comentou que a traxectoria do Fórum Gastronómico está avalada por grandes profesionais que “teñen sido capaces de facer deste evento unha referencia nacional e internacional”. A directora de Turismo resaltou que Galicia conta con máis de 5.300 establecementos de restauración que poñen a disposición dos galegos e dos visitantes máis de 358 mil prazas para degustar os “exquisitos pratos que compartimos cos viaxeiros co carácter acolledor e hospitalario que nos caracteriza”. Tamén incidiu en que a gastronomía é un dos reclamos fundamentais do noso destino e o feito de celebrar iniciativas que divulguen a nosa potencialidade gastronómica e que nos sitúen na vangarda da oferta culinaria repercutirá positivamente na nosa percepción como destino diferencial e completo.
A directora de Turismo explicou que os establecementos de restauración en Galicia exaltan a nosa cociña do día a día e resaltou o papel das festas de exaltación gastronómica á hora de conservar o noso patrimonio culinario. Así mesmo, lembrou que a comunidade conta con 48 restaurantes distinguidos con Q de Calidade Turística e 11 con Estrella Michelin. A Coruña acaba de incorporar a esta prestixiosa lista ao restaurante Árbore da Veira.
Ao tempo, a directora de Turismo comentou que a Administración Turística galega traballa para poñer en marcha iniciativas para conservar a nosa tradición culinaria, poñela en valor, difundila e internacionalizala.
Actividades do Fórum Gastronómico
O programa de actividades deste gran evento culinario contará co protagonismo de grandes expertos do mundo da cociña, da hostalería e do viño. O auditorio acollerá cociña en directo nun espazo con capacidade para 400 persoas equipado cos mellores medios. Tamén haberá obradoiros de degustación e catas guiadas, así como sesións formativas especializadas ou presentacións de produtos expostos.
De igual xeito, haberá actividades para nenos e conferencias e debates relacionados coa temática gastronómica, así como premios e concursos. De igual modo, os viños, os doces e as empresas especializadas terán o seu lugar reservado no gran evento gastronómico.
O Fórum Gastronómico 2014 estará presente tamén a través da web www.forumcoruna.com así como nas redes sociais con contas en Twitter, Facebook, Youtube, Flickr e Instagram.