16 dec 2013

Axentes norteamericanos visitan estes días Galicia para coñecer a súa oferta turística

Desde o pasado sábado e ata o vindeiro día 19 de decembro percorrerán distintos lugares da xeografía galega relacionados cos produtos turísticos máis senlleiros da Comunidade galega

Os axentes turísticos norteamericanos nun momento da súa etadía en Galicia.

Un grupo de catro axentes de viaxes da costa oeste dos Estados Unidos de Norteamérica visitan entre o pasado sábado e o día 19 de decembro a Comunidade galega para coñecer in situ a súa oferta turística e poder logo organizar viaxes turísticas cara a Galicia.

Así, na súa estadía, os visitantes poderán achegarse aos principais recursos e servizos turísticos da Comunidade galega.

Esta iniciativa, organizada por Turismo de Galicia co apoio da Oficina de Turismo de España en Os Ánxeles, conta coa participación das axencias norteamericanas Exclusively Spain, YTB, Azumano Travel e Thistle Dubh Travel and Concierge.

Programa
Os axentes turísticos visitaron o pasado sábado a cidade da Coruña e fixeron un tour polos principais lugares turísticos da cidade. Pola tarde, trasladáronse ata Santiago de Compostela.

O domingo fixeron unha visita ao Camiño de Santiago nas proximidades de Boente. Máis tarde, fixeron un tramo do Camiño Fisterra-Muxía, entre Ames e Negreira.

Onteos axentes turísticos norteamericanos visitaron parte das Rías Baixas e a cidade de Pontevedra.

Para hoxe está previsto que os visitantes se acheguen ata a Ribeira Sacra. Logo visitarán a cidade de Ourense e a vila de Allariz.

O día 18 de decembro, os axentes turísticos norteamericanos achegaranse ata O Ribeiro para coñecer a súa oferta enogastronómica. Ademais, durante esta xornada poderán coñecer tamén o Turismo de saúde de Galicia no Balneario de Mondariz.

 

Arriba