Galicia é a segunda Comunidade autónoma con máis empresas certificadas coa Q de Calidade Turística
Só Andalucía conta con máis distintivos e Galicia ocupa este ano por primeira vez este segundo lugar tras superar a cifra de Q de Calidade Turística do País Vasco.
Este é o décimo ano consecutivo que Galicia incrementa o seu número de empresas turísticas con esta certificación.
En total, a Comunidade conta con 249 empresas certificadas, o que supón un saldo positivo de dúas certificacións a respecto das contabilizadas en 2012.
Galicia conta este ano con dous distintivos Q de Calidade Turística máis que os contabilizados en 2012, este saldo positivo implica unha suba no ranking estatal da comunidade ata o segundo posto, por diante do País Vasco e por detrás de Andalucía.
No balance anual desta certificación de Calidade Turística rexístranse un total de 249 empresas galegas certificadas. Galicia segue manténdose, ademais, como a Comunidade cunha maior oferta certificada do global das empresas de aloxamento turístico, isto é, Galicia é a comunidade que ten máis certificacións na suma de hoteis, turismo rural e cámpings.
O Instituto para a Calidade Turística Española certificou 611 empresas de aloxamento en todo o territorio español, das que 110 están localizadas en Galicia. Ademais na nosa comunidade atópase o maior número de establecementos rurais certificados coa Q de Calidade, co 39,45%. Galicia lidera así a cifra de certificacións no segmento do turismo rural.
Galicia é a comunidade líder en varios segmentos
De igual modo, Galicia continúa sendo líder en diferentes sectores estratéxicos para o destino, como por exemplo os sectores termal, instalacións náutico-deportivas, turismo industrial, lecer nocturno e turismo activo.
En Galicia están certificados o 22,2% dos balnearios de España. No turismo náutico hai que destacar que máis da metade das instalacións náutico - deportivas do noso país se localizan en Galicia, concretamente o 56,3%. Tamén no turismo industrial se certificaron neste ano 2013 máis da metade dos establecementos con este distintivo, exactamente o 55% das empresas con esta certificiación están na comunidade galega. Ao tempo, Galicia é a comunidade que conta co 42,8% das empresas de turismo activo certificadas con Q de Calidade. A isto hai que engadir que Galicia segue sendo a única Comunidade Autónoma onde existen locais de lecer nocturno certificados co distintivo Q de Calidade Turística.