03 xan 2014

Preto de 4.700 persoas participaron no programa Outono Gastronómico nas casas de Turismo Rural de Galicia

As casas rurais integradas nesta iniciativa promovida por Turismo de Galicia comercializaron 255 menús, 1.377 paquetes do Outono Gastronómico e 865 paquetes de fin de semana do programa que promove a gastronomía galega nas casas de turismo rural da Comunidade.

A cifra de ingresos para o total das casas de turismo rural galegas que participaron no programa acadou os 321.478 euros.

O 45,74% dos clientes do programa coñeceron a campaña a través de Internet.
 

Turismo de Galicia promoveu entre o 13 de setembro e o 15 de decembro a sétima edición do programa Outono Gastronómico nas casas de Turismo Rural de Galicia. En total participaron 117 casas de turismo rural que ofreceron 234 menús diferentes. Esta edición ofreceu varias modalidades: menú, paquete de un día ou fin de semana integral, coa posibilidade tamén de contratar unha fin de semana familiar.

En total participaron na iniciativa 4.695 persoas que xeraron unha cifra de ingresos para as casas de turismo rural participantes que supera os 321 mil euros. As casas de turismo rural comercializaron 255 menús na opción de gozar dun xantar nunha casa de turismo rural galega. Comercializáronse así mesmo 1.377 paquetes de Outono Gastronómico, con xantar e aloxamento e tamén se computaron 865 fins de semana con xantares e dúas noites de aloxamento.

Ademais, a sétima edición do Outono ofrecía como novidade a posibilidade de utilizar o Bono Agasallo, que permitía regalar un paquete do Outono Gastronómico nas casas de turismo rural de Galicia.

Repercusión online
A campaña publicitaria do Outono Gastronómico xerou 3,7 millóns de impresións e máis de 30 mil entradas directas no apartado da web de Turismo de Galicia preparado con toda a información da campaña. O número total de páxinas vistas que rexistrou a web de Turismo de Galicia para consultar especificamente a campaña do Outono foi de 76.058. A información ofrecía a posibilidade de consultar as composicións dos menús, as fotografías e resto de características das casas participantes, entre outras informacións adicionais.

O 45,74% dos clientes que participaron no programa afirmaron a través dunha enquisa ter coñecido a campaña a través da Internet.
 

Arriba