O Pazo de Xelmírez acollerá a mostra ‘On the road’ no marco do VIII centenario da peregrinación de San Francisco a Santiago
A directora de Turismo de Galicia acompañada polo director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo Santos, supervisa os traballos da acondicionamento da Sala de Armas e dos anexos do Pazo Arcebispal
Na visita estiveron presentes tamén a comisaria da exposición ‘On the Road’, Gloria Moure, e mais o artista, Antón Lamazares.
Turismo de Galicia subvenciona as obras co obxectivo de adecuar o espazo para o seu uso cultural no marco da celebración do VIII centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e mais o director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo Santos realizaron unha visita ás obras de acondicionamento para o uso cultural da Sala de Armas e mais dos anexos do Pazo Arcebispal de Xelmírez.
O Consello da Xunta aprobou en outubro o proxecto de acordo polo que se autorizaba o convenio entre Turismo de Galicia e a Fundación Catedral de Santiago a través do cal a Administración autonómica subvenciona as obras de acondicionamento como sala de exposicións da Sala de Armas e os anexos do Pazo Arcebispal de Xelmírez. O Pazo de Xelmírez é un edificio do século XII adosado á propia catedral e foi ampliado nos séculos XIII, XV e XVI. As partes principais do mesmo son o Salón de Armas, o Salón de Festas e a cociña.
O obxectivo desta intervención para adecuar o espazo ao seu uso turístico e cultural é dinamizar a oferta cultural durante a celebración do VIII centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela, cuxos actos conmemorativos contan coa declaración de acontecemento de especial interese público. A directora de Turismo de Galicia resaltou que “o acondicionamento do espazo expositivo ten por obxectivo tamén albergar a gran exposición do VIII Centenario, que se titulará ‘On The Road’ e que será unha mostra referente no marco desta celebración e que contribuirá á posta en valor deste espazo tan valioso histórica e artísticamente, e agora tamén turísticamente”. Durante a visita de comprobación estiveron presentes tamén a comisaria da mostra, Gloria Moure e mais o artista Antón Lamazares, que é tamén autor do logotipo da conmemoración deste VIII Centenario.
Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, con motivo desta efeméride, celebrarase neste enclave a mostra ‘On The Road’. A exposición será unha mostra de arte moderno e contemporáneo que se desenvolverá no Pazo de Xelmírez, na Igrexa e no Cemiterio de Bonaval en Santiago de Compostela e contará con presenza de grandes nomes da historia da arte cuxa produción se vincula ao espírito franciscano. Entre os artistas que participan na mostra figuran, por exemplo, Christian Boltanski, Ives Klein, AntónLamazares ou Antoni Tàpies.
Datos peregrinos
A directora de Turismo incidiu tamén no feito de que o Camiño de Santiago rexistre unha gran afluencia de peregrinos. Nos dez primeiros días deste ano recolleron a Compostela máis de 300 peregrinos. Preto do 60% deles son estranxeiros. Segundo matizou, “en todo o ano 2013 chegaron un total de 215.880 peregrinos, máis do 50% foron estranxeiros”.
Esta cifra supón un incremento con respecto aos recibidos en 2012 que supera o 12%. Recibíronse máis de 23 mil peregrinos máis en 2013 que en 2012.