Turismo participa na edición número 34 de Fitur cun stand inspirado en Galicia como destino sustentable
A directora de Turismo, Nava Castro Domínguez presentou hoxe a participación de Galicia nun dos certames turísticos de maior repercusión mundial, no que participarán 167 países e máis de 120 mil profesionais do sector.
Celebrase entre os días 22 e 26 de xaneiro e a pasada edición contou con máis de 200 mil asistentes, sete mil xornalistas e 4.245 medios de comunicación.
O stand de Turismo de Galicia posicionará a marca do Turismo galego ‘Galicia, el buen camino’ e acollerá 25 presentacións sobre produtos e recursos turísticos da Comunidade.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez presentou hoxe a participación de Turismo de Galicia en Fitur. O recinto feiral Juan Carlos I de Madrid- Ifema acolle a vindeira semana, entre os días 22 e 26 de xaneiro, a edición número 34 da Feira Internacional de Turismo de Madrid.m Fitur está considerada como un dos principais puntos de encontro do sector turístico. Trátase dun dos certames turísticos de maior repercusión mundial e funciona como unha importante plataforma para dar a coñecer destinos, produtos, marcas e servizos turísticos, tanto aos profesionais do sector como ao público interesado en converterse en usuario turístico.
Fitur é a feira líder no mercado iberoamericano e segundo datos da organización, esta edición contará coa presenza de 167 países e de máis de 120 mil profesionais do sector turístico.
A edición 2013 da feira contou con máis de 200 mil asistentes dos que 116 mil era profesionais, máis de 7 mil xornalistas acreditados e 4.245 medios de comunicación. O día da inauguración da pasada edición da feira, Fitur foi trending topic mundial.
Segundo explicou a directora de Turismo, o stand de Turismo de Galicia estará situado na parcela 9C05/9C07 no Pavillón 9 e conta cunha superficie de 967 metros cadrados. O obxectivo desta estrutura é posicionar a marca do Turismo galego, Galicia, el buen camino e dá a coñecer os destinos, produtos e recursos galegos que compoñen a oferta turística da nosa comunidade.
Nava Castro explicou que a estética do stand caracterízase polas liñas suaves, as cores claras, os espazos abertos para transmitir unha atmosfera cálida e acolledora. Utilízanse materiais naturais, como a madeira, e procúrase a maridaxe perfecta de vangarda e tradición. As imaxes relativas aos recursos turísticos intégranse no deseño a modo de ‘scrapbooking’, que é unha técnica para personalizar álbums con fotografías, recortes e siluetas para crear unha composición de recordos mediante imaxes. O stand será un gran álbum de momentos en Galicia.
Segundo explicou a directora, “trátase xa que logo dunha estética ‘eco’, na que se aplican e transmiten valores como a sustentabilidade e a sensibilidade co medio ambiente, dado que se utilizan e enxalzan materiais sen tratamentos, optimizados para a súa reutilización”.
O stand do Turismo galego conta cos seguintes módulos expositivos: Galicia; establecementos con Q de Calidade Turística;as catro provincias galegas; o turismo de cidade; o Camiño de Santiago e o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago e mais experiencias turísticas en Galicia.
Ademais dos diferentes prismas dende os que se poden descubrir as singularidades do destino Galicia, o stand contará cun salón de actos no que se celebrarán 25 eventos dirixidos a profesionais do sector turísticos e aos medios de comunicación durante os tres primeiros días da feira nos que as xornadas están limitadas exclusivamente a profesionais. Haberá presentacións de recursos, produtos e destinos turísticos da nosa comunidade.
Programación no stand de Galicia
Doutra parte, Turismo de Galicia participará tamén no Workshops Hosted Buyers, un evento que ten por obxectivo o establecemento de contactos con operadores turísticos internacionais de mercados con especial interese para Galicia.
O público que se achegue a fin de semana á feira poderá participar na IV Gymkhana Viaxeira, que consiste nun xogo de pistas cuxo obxectivo é achegar aos visitantes ao stand dun xeito dinámico e divertido. A organización entrega aos visitantes un pasaporte con información do xogo e cunhas pistas coas que os participantes deberán acudir ao stand e cumprir a acción marcada, descubrindo produtos ou recursos galegos representados no stand.
Ademais o stand acolle tamén na fin de semana o programa Fitur Escapadas. Turismo de Galicia ofrecerá meses días promocións con prezos especiais de produtos turísticos ou escapadas a Galicia presentadas polas axencias de viaxes galegas que se sumaron a esta iniciativa.
Durante o sábado e o domingo terán lugar no stand tamén diferentes Show Cooking de cociña galega, a cargo dun restaurador do Grupo Nove
De igual modo, dous músicos da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) amenizarán o stand galego durante o sábado e o domingo tocando instrumentos tradicionais galegos.