03 out 2013

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de acordo polo que se autoriza o convenio entre Turismo de Galicia e a Fundación Catedral de Santiago

Trátase dun acordo plurianual a través do que se subvencionan as obras para acondicionar como sala de exposicións a Sala de Armas e os anexos do Pazo Arcebispal de Xelmírez. No que vai de ano, a cifra de peregrinos que percorreron algunha das Rutas Xacobeas supera nun 12,4% aos recibidos no mesmo período do ano pasado e xa se superan as 190 mil Compostelas.

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de acordo polo que se autoriza a subscrición do convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e a Fundación Catedral de Santiago para a execución da obra de acondicionamento como sala de exposicións da sala de armas e anexos do Pazo Arcebispal de Xelmírez en Santiago de Compostela.

En virtude do acordo, a Fundación Catedral de Santiago comprométese a manter o investimento por un período de cinco anos e Turismo de Galicia comprométese ao pagamento de 149.828 euros en dúas anualidades.

O Pazo de Xelmírez é un edificio do século XII adosado á propia catedral e foi ampliado no séculos XIII, XV e XVI. No século XVII cubriuse a fachada románica por outra barroca e construíuse un terceiro andar. As partes principais do Pazo son o Salón de Armas, o Salón de Festas e a Cociña.

O espazo expositivo contribuirá a dinamizar a oferta cultural durante a celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, cuxos actos conmemorativos contan coa declaración de Acontecementos de Especial Interese Público.

Incremento dun 12,4% da cifra de peregrinos
No que vai de ano, chegaron a recoller a Compostela na Oficina de Acollida ao Peregrino da Rúa do Vilar un total de 190.398 peregrinos, dos cales o 49,48% son estranxeiros. No mesmo período de 2012 chegaran 169.389 peregrinos. O incremento rexistrado nos primeiros nove meses do ano supera o 12,4%.

Un total de 132.559 camiñantes chegaron a Compostela tras ter percorrido o Camiño Francés, isto supón o 69,62% do total de peregrinos que fixeron a Ruta Xacobea no que vai de ano.

Arriba