A directora de Turismo participa mañá no II Congreso Internacional de Calidade Turística que se celebra en Las Palmas
A cidade de Las Palmas de Gran Canaria acolle dende mañá ata o venres a II Edición do Congreso Internacional de Calidade Turística do Instituto para la Calidad Turística Española – ICTE 2013. Nava Castro participará nunha mesa redonda sobre destinos de calidade turística consolidados e abordará as características do destino Galicia neste eido e os retos futuros do turismo de Galicia no tocante á calidade dos produtos e servizos.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez participará mañá en Las Palmas de Gran Canaria no II Congreso Internacional de Calidade Turística do Instituto para la Calidad Turística Española.
O panel abordará os retos e oportunidades que se presentan naqueles destinos que contan cun sistema de calidade turística consolidado e que traballan na implementación de sistemas e normas de calidade. O obxectivo será analizar que ocorre cando un destino leva anos traballando na diferenciación dos seus servizos a través da aplicación de normas de calidade, así como o xeito de medir os logros obtidos e establecer un sistema de actuación.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, explicará a situación actual do destino Galicia neste eido así como os diversos aspectos relacionados coa calidade turística nos que se está a traballar dende a Administración Turística de Galicia.
De igual modo, no encontro que se celebra dende mañá ata o vindeiro venres, abordarase o desenvolvemento dos destinos, o posicionamento, a posta en valor dos recursos, o marketing ou a accesibilidade. Todos eles constitúen aspectos do panorama turístico internacional actual nos que están a traballar os destinos turísticos españois.
Distintivos Q de Calidade Turística en Galicia
Galicia conta con 247 establecementos certificados coa Q de Calidade Turística, sendo a terceira comunidade do ránking español. Galicia é a comunidade líder en distintivos Q de Calidade Turística en turismo rural, termal, instalacións náutico-deportivas e turismo activo.
Ademais a comunidade galega foi a primeira en obter certificacións Q de Calidade Turística nos establecementos de lecer nocturno e ocupa o primeiro posto nas certificacións vinculadas ao turismo industrial.