10 out 2013

A directora de Turismo resalta o potencial dos produtos turísticos de calidade para internacionalizar o destino Galicia, incrementar a súa competitividade e captar novos mercados

A cidade de Las Palmas de Gran Canaria acolle hoxe a II Edición do Congreso Internacional de Calidade Turística do Instituto para la Calidad Turística Española – ICTE 2013. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, interveu na mesa redonda ‘Retos e oportunidades en destinos de calidade turística consolidados’ no marco do encontro que analiza as tendencias no eido da calidade, así como as iniciativas internacionais, o papel dos medios de comunicación e a súa percepción da calidade, entre outras temáticas. Galicia púxose como exemplo de colaboración público-privada á hora de deseñar medidas de incentivo ao sector para a obtención e mantemento de distintivos de calidade.

A directora de Turismo resalta o potencial dos produtos turísticos de calidade para internacionalizar o destino Galicia, incrementar a súa competitividade e captar novos mercados

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez participou hoxe en Las Palmas de Gran Canaria no II Congreso Internacional de Calidade Turística do Instituto para la Calidad Turística Española no marco da mesa redonda titulada Retos y oportunidades en destinos de calidad turística consolidados.

A directora de Turismo de Galicia falou do que acontece cando un destino leva anos traballando pola diferenciación dos seus servizos a través da calidade; dos novos retos aos que se enfrontan os xestores e o empresariado turístico; así como do establecemento dun plan de actuación e de como se pode ligar a calidade ao plan estratéxico do destino.

No marco deste relatorio, Galicia púxose como exemplo de colaboración público-privada á hora de introducir o distintivo de calidade e as normas asociadas ao mesmo no destino. A directora de Turismo resaltou que a implementación da calidade no sector turístico galego é posible grazas a un traballo constante de colaboración público-privada, que se materializa a través de convenios co sector. “Trátase dun traballo a nivel colectivo no que Turismo de Galicia e as asociacións empresariais do sector asinan acordos dirixidos a potenciar a obtención ou mantemento dos distintivos de calidade”, explicou. E engadiu que, ademais, “ a nivel específico a administración turística de Galicia pon a disposición do sector axudas dirixidas á mellora das infraestruturas e á dotación de servizos complementarios que contemplan discriminación positiva para as empresas que acrediten unha distinción en calidade”.

Así, Nava Castro resaltou que a calidade é un traballo diario e unha aposta colectiva e incidiu no feito de que Galicia é unha comunidade que se distingue pola calidade dos seus produtos e servizos, ao que ten contribuído tamén a marca Galicia Calidade. Incidiu igualmente nas iniciativas postas en marcha dende a Administración turística autonómica para incentivar a calidade nos produtos e servizos turísticos como o servizo de consultoría, ao tempo que resaltou o liderado de Galicia en canto a distintivos de calidade turística nos sectores de turismo termal, rural, instalacións naútico-deportivas, turismo industrial, activo ou lecer nocturno.

Resaltou tamén o feito de que Galicia conta con cinco destinos SICTED e dous destinos MACT, así como na aposta da comunidade pola calidade medioambiental que se ve recoñecida por distincións como as Bandeiras Azuis, os Sendeiros Azuis, as Bandeiras Verdes ou o Baiona Quality Coast.

Nava Castro explicou na súa intervención que a calidade constitúe tamén unha importante ferramenta de internacionalización do destino, así como un factor primordial de competitividade. No eido dos retos e oportunidades, a directora de Turismo aludiu a iniciativas como o Camiño de Santiago Intelixente que dota de rede wifi gratuíta aos establecementos do Camiño Francés; á aposta polo turismo sostible e a reinversión dos beneficios xerados polo turismo na conservación e preservación dos recursos, así como no traballo da Administración Turística galega no Plan Integral de Turismo de Galicia que marcará as principais directrices para a posta en valor da calidade turística como elemento diferencial do destino Galicia.

O congreso, que se celebra ata mañá venres en Las Palmas de Gran Canaria, analiza as tendencias no eido da calidade, así como as iniciativas internacionais, o papel dos medios de comunicación e a súa percepción da calidade, entre outras temáticas. O encontro pretende unir iniciativas de diversa índole que permitan obter unha visión panorámica sobre como o concepto de calidade se atopa presente nas decisións de política turística. 

Arriba
Axúdanos a mellorar!