14 out 2013

Turismo de Galicia agasalla cun Bono Iacobus ao peregrino douscentos mil que chegou a Santiago este ano

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, fixo entrega esta mañá a Stephen Wood, enxeñeiro canadiano, dun Bono Iacobus para percorrer as rutas xacobeas aloxándose en casas de Turismo Rural e con almorzo e cea incluídos para saborear a gastronomía típica de Galicia. Un total de 200.524 peregrinos percorreron ata hoxe o Camiño de Santiago no que vai de ano, isto implica unha suba do 12,29% a respecto dos rexistrados no mesmo período de 2012. Máis da metade deles son estranxeiros. O peregrino 200 mil e a súa parella poderán escoller o Bono Iacobus da ruta que prefiran e vivir o Camiño de Santiago dende outra perspectiva, apreciando a arquitectura tradicional galega, a comida propia de cada zona e o descanso e benestar. 

Turismo de Galicia agasalla cun Bono Iacobus ao peregrino douscentos mil que chegou a Santiago este ano

O peregrino 200 mil que recolleu esta ano a Compostela na Oficina de Acollida da rúa do Vilar terá, ademais da recompensa de ter chegado a Santiago tras camiñar durante máis dun mes dende Saint Jean –Pied-de-Port, un agasallo adicional. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, fíxolle entrega hoxe dun Bono Iacobus para que Stephen Wood e a súa parella descubran un novo xeito de percorrer a Ruta Xacobea.

Turismo de Galicia agasalla cun Bono Iacobus ao peregrino douscentos mil que chegou a Santiago este ano

Stephen Wood e mais a súa parella proceden de Canadá. Máis da metade dos peregrinos que chegaron este ano a Compostela son estranxeiros, en total 100.863. No que vai de ano xa teñen chegado a Santiago 200.524 peregrinos. Onte mesmo recolleron a Compostela 681 peregrinos, entre os que se atopaba o enxeñeiro canadiano Stephen Wood, que fixo o número douscentos mil. No que vai de ano xa percorreron as Rutas Xacobeas 21.490 peregrinos máis que os rexistrados no mesmo período do ano pasado.

Máis de cento corenta mil camiñantes percorreron o Camiño Francés; 27.992 o Portugués; 12.705 o Camiño Norte; 6.416 o Primitivo; 8.169 a Vía da Prata, 4.211 o Camiño Inglés; 383 outros Camiños e 431 o Camiño dende Fisterra-Muxía.

Bono Iacobus
Stephen e a súa parella, os peregrinos 200.000 e 200.001 en chegar a Compostela no que vai de ano terán ocasión de escoller entre as sete rutas dispoñibles co servizo Bono Iacobus: Camiño Francés, Camiño do Sueste-Vía da Prata; Fisterra-Muxía; Camiño Portugués; Camiño do Norte; Camiño Inglés ou Camiño Primitivo. Trátase dun servizo turístico concibido especificamente para o Camiño de Santiago e que se caracteriza por permitir o percorrido por etapas nas distintas vías históricas que conducen a Compostela, aloxándose cada día nunha casa de turismo rural de Galicia, coa cea e o almorzo incluídos.

Todos os establecementos de turismo rural que participan no Bono Iacobus están estratexicamente situados preto de cada fin de etapa, acollen ao peregrino dunha maneira familiar e ofrécenlle unha gastronomía de calidade, típica de cada zona.

O bono proporciona tamén a posibilidade de contratar servizos opcionais como un picnic para o xantar do día mentres se fai o Camiño, o traslado da equipaxe ao longo das etapas da ruta e os desprazamentos dende e ata o aeroporto. 

Arriba