A directora de Turismo de Galicia asistiu á Festa do Codillo de Mos que incluíu unha degustación e mais un mercado artesanal
A festa de exaltación gastronómica conta tamén con actividades paralelas como o Mercado de Artesanía, Gastronomía e Produtos da Terra; así como un Concurso de Serra de Troncos; un festival de playback e diversas actuacións musicais. O Camiño Portugués que pasa por este concello rexistrou no que vai de ano máis de 28 mil peregrinos, preto do 14% dos máis de 201 mil que chegaron a Compostela durante este 2013. A cifra de peregrinos que percorreu este ano o Camiño Portugués é un 15,9% superior aos rexistrados no mesmo período de 2012.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez asistiu hoxe en Mos aos actos de lectura do pregón da Festa do Codillo de Mos, que correu a cargo da empresaria mosense de moda infantil Pili Carrera.
A festa do Codillo de Mos celébrase dende 1998. Organízaa o Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia e ademais da degustación e exaltación do prato, inclúe un magosto que se celebra o día previo á degustación e mais, nesta ocasión, a segunda edición do Mercado de Artesanía, Gastrononía e Produtos da Terra.
A maiores, a festa conta cun Concurso de Serra de Troncos que a chega á súa edición número 11; así como cun festival de playback. Numerosas actuacións musicais animaron o encontro ao longo do día. Onte, con motivo do evento, celebrouse tamén un magosto popular.
O prato de codillo que conforma a degustación inclúe codillo de porco ao forno con arroz branco e chícharos, acompañado de prebe con toque picante. Mos conta ao longo do ano con múltiples celebracións nas diferentes parroquias, así pódese vir en diferentes épocas e disfrutar de eventos como a Festa da Rosa, a da Prehistoria, a Festa do Rabo e Orella de Porco, a Festa do Polbo, a Festa Arde o Pazo: os Franceses en Mos; ou o entroido.
Concello de paso do Camiño Portugués
O Camiño Portugués entra en Mos polas inmediacións da capela da Nosa Señora das Angustias, pasa por Santa Marta e o Pazo dos Marqueses, e segue a vía romana polo lugar de Padrón. O Camiño Portugués rexistrou no que vai de ano máis de 28 mil peregrinos, preto do 14% dos máis de 201 mil que chegaron a Compostela durante este 2013. A cifra de peregrinos que percorreu este ano o Camiño Portugués é un 15,9% superior aos rexistrados no mesmo período de 2012.