O Grupo Nove celebra o seu décimo aniversario cun ‘Showcooking’ organizado en colaboración con Turismo de Galicia para promover a comunidade como destino gastronómico
A asociación -integrada por 22 cociñeiros- celebrou unha festa de exaltación da gastronomía galega na que realizaron as súas creacións culinarias en tempo real para 800 convidados ao ‘showcooking’. O evento, organizado en colaboración con Turismo de Galicia, contará coa presenza de nove grandes chefs españois que acompañarán aos cociñeiros do Grupo Nove. A directora de Turismo de Galicia resaltou durante o acto a capacidade emprendedora, a aposta pola innovación e a calidade diferencial da cociña galega e, en especial, do Grupo Nove como bandeira da cociña de vangarda.
Turismo de Galicia colabora co Grupo Nove na celebración do seu décimo aniversario para o que organizaron un showcooking no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura para 800 convidados.
A festa de exaltación gastronómica coa que conmemoraron o aniversario incluíu a realización en tempo real de máis dunha vintena de creacións culinarias exclusivas. Os 22 cociñeiros emplatarán e darán os últimos toques ás súas propostas ao tempo que explican aos convidados o proceso de elaboración do produto que están degustando.
A través de soportes audiovisuais tamén se proxectarán imaxes e información, tanto sobre os principais momentos do evento e as técnicas culinarias das diferentes creacións, como sobre os recursos turísticos de Galicia como destino.
A este respecto, a directora de Turismo resaltou durante a presentación inicial do Showcooking que no 2003, nove cociñeiros galegos decidiron axuntar os seus esforzos para reivindicar a concepción moderna e contemporánea da cociña galega sen renunciar as súas orixes e que co paso do tempo esta familia foi medrando e hoxe podemos nomear a máis de 20 cociñeiros nesta asociación, que aglutinan a “algunhas das principais figuras da gastronomía galega, entre os que sobresaen os 9 restauradores distinguidos coa Estrela Michelín, os 9 restauradores que contan con 13 Soles Repsol. Ademais, 4 dos establecementos dos cociñeiros do Grupo Nove contan co distintivo Q de Calidade Turística”.
Ao tempo, Nava Castro recalcou que “despois de dez anos de traballo e constancia, está asociación continúa difundido a cultura gastronómica galega e a cociña de vangarda coa mesma paixón e entusiasmo que ao comezo”. “O Grupo Nove é sinónimo de emprendemento, diferenciación e innovación. Tres palabras claves que caracterizan a todos os integrantes desta asociación que, co seu traballo, conseguiron ser un referente empresarial de éxito”, dixo.
Segundo explicou a directora de Turismo, coa celebración deste aniversario preténdese exaltar a extraordinaria gastronomía galega como elemento vertebrador e como un dos piares fundamentais da cultura de Galicia, porque a gastronomía é parte da nosa identidade e aínda que evolucione co paso do tempo, non perde a esencia que nos caracteriza.
Incidiu tamén en que Galicia é unha Comunidade que aposta claramente por incrementar a calidade dos produtos e servizos para lograr a diferenciación do destino turístico. Así mesmo, falou da recoñecida marca Galicia Calidade, que engloba os produtos e servizos galegos realizados coas materias primas das máis alta calidade, óptimas producións e excelentes servizos.
A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia asinou un convenio de colaboración con esta asociación co obxectivo de potenciar a gastronomía como factor clave de reequilibrio territorial e de instrumento de difusión da excelente calidade dos nosos produtos da terra e do mar. Enmarcadas neste convenio, desenvólvense diferentes actuacións coma a adquisición dun stand-cociña móbil, a publicación dun libro gastronómico, a realización de eventos de promoción turística con demostracións culinarias ou este evento promocional que hoxe acolleu a Cidade da Cultura.
Os cociñeiros do Grupo Nove contaron ademais coa presenza no Showcooking de nove grandes chefs españois: Alberto Chicote (Top Chef), Darío Barrio (Restaurante Dassa Bassa. Madrid), Carlos Posadas (Hotel AC Santo Mauro. Madrid), Macarena de Castro (Restaurante Jardín. Mallorca), Paco Roncero (Casino de Madrid), Diego Guerrero, Nacho Manzano (Casa Marcial. Asturias) e Pedro Morán (Casa Gerardo).
O acto contou coa presenza de profesionais da alta cociña, representantes de asociacións e grupos gastronómicos, personalidades do eido empresarial ligadas ao sector culinario e alimentario, así como prensa especializada.