O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de decreto polo que se regula a concesión do título de Embaixador de Honra do Camiño de Santiago
Con este decreto preténdese recoñecer a labor daquelas persoas que se distinguiran pola súa contribución ao coñecemento e divulgación do Camiño de Santiago, a cultura e os valores xacobeos. O título de Embaixador de Honra do Camiño de Santiago poderá outorgarse a aquelas persoas que teñan sido nalgún momento peregrinos ou a aquelas entidades que favorecesen o coñecemento e divulgación de calquera das rutas xacobeas e a promoción dos valores asociados ao Camiño.
O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de decreto polo que se regula a concesión do título de Embaixador de Honra do Camiño de Santiago. O decreto pretende recoñecer a labor das persoas –físicas ou xurídicas- distinguidas pola súa contribución ao coñecemento e divulgación do Camiño de Santiago, a cultura e os valores xacobeos.
Segundo se especifica no decreto, existirán dúas categorías de Embaixador de Honra. Unha delas a título persoal e a outra categoría, de carácter institucional. Poderán concederse como máximo oito títulos de embaixador de honra en cada categoría correspondentes ao número das oito rutas históricas do Camiño de Santiago.
A presentación de propostas de candidatos para o título poderá realizarse ao longo de todo o ano e os Embaixadores comprometeranse a colaborar na programación anual da Xunta de Galicia, con polo menos unha acción ou actividade, para a divulgación dos valores humanos e sociais, culturais e espirituais do Camiño de Santiago.
Segundo se establece no texto, a persoa titular da presidencia da Xunta de Galicia fará entrega o 23 de outubro de cada ano nun acto solemne do título de carácter exclusivamente honorífico.
As principais vías do Camiño de Santiago foron declaradas Primeiro Itinerario Cultural Europeo en 1987 polo Consello de Europa. De igual modo, os trazados ao longo de España foron declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1993.