A directora de Turismo de Galicia traslada a súa felicitación ao novo restaurante galego distinguido coa Estrella Michelin ‘Árbore da Veira’
Luis Veira e o seu equipo foron galardoados onte nunha cerimonia celebrada en Bilbao co distintivo Estrella Michelin, sumando así 11 galardóns para os restaurantes galegos. - Nava Castro remitiu hoxe unha carta de felicitación aos responsables do novo establecemento de restauración que esta edición 2014 pasa a formar parte da listaxe de 171 establecementos en toda España distinguidos na Guía Michelin. Galicia conta con 11 restaurantes con Estrella Michelin por segundo ano consecutivo. - A directora de Turismo incidiu no gran potencial da gastronomía de Galicia como reclamo e como elemento de fidelización turística ao destino
Na edición de 2014 dos distintivos Estrella Michelin outorgados pola prestixiosa publicación Guía Michelin, Galicia contará con 11 restaurantes aos que se lles concedeu esta distinción. Un ano máis, Galicia terá 11 establecementos representados na Guía. Casa Marcelo entregou o seu distintivo da pasada edición ao facer un cambio no concepto de negocio. Pero Árbore da Veira tomou este ano o relevo para completar a cifra de 11 establecementos de restauración en Galicia cuxa calidade e esforzo culinario é recoñecido internacionalmente.
Tras pouco máis dun ano da súa apertura na coruñesa Rúa San Andrés, o restaurante Árbore da Veira, cuxo equipo de cociña capitanea Luis Veira, obtivo esta noite en Bilbao esta importante distinción internacional que de novo sitúa á cociña galega entre as que se diferencian pola calidade.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, remitiu hoxe os parabéns no seu nome e no nome da Administración turística galega a Luis Veira e o seu equipo por este galardón que premia unha vida dedicada á gastronomía e que supón un distintivo internacional ao traballo ben feito. “Árbore da Veira é dende hoxe un establecemento de restauración de referencia na nosa comunidade que se une aos outros dez restaurantes galegos que contan con este importante distintivo. As once Estrellas Michelin de Galicia son para a nosa comunidade un dos máis relevantes motivos de orgullo porque conseguen catapultar ao escenario internacional o feito de que en Galicia contamos con algúns dos mellores produtos do mundo e tamén cos mellores profesionais posibles entre os fogóns”, explicou a directora de Turismo de Galicia.
Ao tempo, Nava Castro resaltou que o feito de vivir Galicia a través da nosa enogastronomía é “unha experiencia única e un dos nosos máis importantes reclamos, pero sobre todo, a cociña galega é un dos nosos máis potentes elementos de fidelización ao destino”.
Turismo de Galicia traslada os seus parabéns a todos os profesionais dos 11 restaurantes distinguidos así como a todos os profesionais da cociña galega que teñen situado á gastronomía de Galicia entre as máis importantes motivacións dos viaxeiros á hora de escoller a comunidade como destino e cuxa presenza na oferta turística da comunidade supón un orgullo para os galegos.