28 nov 2013

O Consello da Xunta aprobou hoxe a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Festa da Vieira de Cambados

A festa cumpre os requisitos definidos no Decreto 39/2001, regulador da Declaración de Festas de Interese Turístico de Galicia. Hoxe aprobouse tamén a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Festa da Anguía e Mostra da Caña do País de Valga e mais para a Festa da Vieira de Cambados. Con estas declaracións, a comunidade conta xa con 98 festas de Interese Turístico de Galicia, 13 festas de Interese Turístico Nacional e 6 festas de Interese Turístico Internacional.

O Consello da Xunta aprobou hoxe a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Festa da Vieira de Cambados. A Festa da Vieira de Cambados cumpre os requisitos definidos no Decreto 39/2001, regulador da Declaración de Festas de Interese Turístico de Galicia.

A singularidade da Festa da Vieira baséase en que se trata da única festa de exaltación deste molusco que se comercializa no porto de Tragove. Esta festa de exaltación gastronómica conta ademais cun amplo carácter participativo porque está organizada por numerosas asociacións. Cada ano recibe ademais un número de visitantes que supera os 50 mil.

Ao tempo, para conceder a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, tívose en conta a variedade de actividades que se desenvolven os días de celebración e que inclúen concursos gastronómicos, eventos deportivos, musicais e relixiosos. Todos eles se celebran nun enclave de alto valor cultural, arquitectónico e patrimonial.

A Festa da Vieira de Cambados celebrou este ano a súa XII Edición e entre as actividades que se organizan en paralelo ás degustacións gastronómicas de vieiras preparadas de diferentes formas inclúense regatas de bateis, concursos gastronómicos, demostracións culinarias, entregas de premios a programas sobre gastronomía, mostras da canción mariñeira ou concentracións de embarcacións clásicas.

De igual xeito, o Consello da Xunta aprobou hoxe a declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País de Valga e mais da Feira Franca Medieval de Betanzos.

Con estas declaracións, a comunidade conta xa con 98 festas de Interese Turístico de Galicia, 13 festas de Interese Turístico Nacional e 6 festas de Interese Turístico Internacional.

Arriba