Turismo expón na cidade checa de Klatovy unha mostra sobre o Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo
A exposición conta neste itinerancia coa colaboración do Centro de Cultura e Educación Española de Pilsen, a Embaixada Española de Praga e a entidade Pilsen 2015, así como do goberno da rexión, a galería Klatovy Klenová e a cidade de Spálené Porící. A mostra xa se puido ver noutras catro cidades da República Checa e permanecerá aberta en Klatovy ata o día 16 de decembro. Un audiovisual realizado polo fotógrafo Manuel Valcárcel e o músico Alexandre González reflicte unha viaxe a través de Europa Central e o norte de España.
A cidade de Klatovy acolle ata o día 16 deste mes na Igrexa de San Lourenzo a mostra de Turismo de Galicia Memoria de peregrinación. Camiño de Santiago, Primeiro Itinerario Cultural Europeo. A exposición xa percorreu as cidades checas de Spálené Porící, Planá u Mariánských Lázni, Pilsen e mais Rokycany. O proxecto expositivo enmárcase no Festival da Cultura Española e consta de 52 fotografías e un vídeo de 15 minutos realizados polos artistas Manuel Valcárcel e Alexandre González.
Esta mostra leva xa percorrido durante o que vai de ano as cidades de Wellington e Aukland, en Nova Zelandia; Ratisbona, en Alemaña e mais Manila, en Filipinas.
Na organización desta exposición colaboran nesta ocasión con Turismo de Galicia, a través do Xacobeo, o Centro de Cultura e Educación Española de Pilsen, a Embaixada Española en Praga, a entidade Pilsen 2015, o goberno da rexión de Pilsen, a súa Biblioteca Científica Estatal, a galería Klatovy Klenová e a cidade de Spálené Porící.
A exposición Memoria da Peregrinación. Camiño de Santiago, Primeiro Itinerario Cultural Europeo consta dun total de 52 fotografías e un vídeo de 15 minutos realizados polos artistas de Monforte de Lemos Manuel Valcárcel e Alexandre González. Ambos realizaron unha peregrinación por Europa percorrendo Hungría, Eslovaquia, Austria, Eslovenia, Croacia, Italia, Francia e España.
Froito desta peregrinación contemporánea e da súa visión persoal do Camiño é esta mostra que reflicte a tradición cultural e a sensibilidade relixiosa que impregnan os lugares, destacando realidades ás veces silenciadas, denunciando co seu enfoque situacións e circunstancias que afectan ás poboacións próximas ás rutas de peregrinación ou á vida de pobos e cidades. As fotografías recollen patrimonio, monumentos, peregrinos e todas as circunstancias do Camiño nas que estes artistas pousaron a súa particular mirada. No vídeo inclúese unha banda sonora orixinal de Alexandre González.