26 xan 2014

Turismo de Galicia e a Secretaría de Turismo de Estado de Querétaro asinaron en Fitur un acordo para establecer colaboracións e intercambios en materia de promoción turístic

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e o secretario de Estado de Turismo, Mauricio Salmón Franz, mantiveron en Fitur un encontro de traballo e asinaron un acordo de colaboración para poñer en marcha iniciativas conxuntas de promoción turística.
Intercambio de know-how, de formación académica en materia de turismo, viaxes de familiarización ou participación en eventos promocionais son algunhas das actividades que se desenvolverán no marco deste acordo.
Galicia conmemora este ano o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís. E Querétaro conta, entre os seus recursos, coas cinco misións franciscanas da Serra Gorda de Querétaro, que son Patrimonio Cultural da Humanidade desde 2003.

Sinatura do acordo, no stand de Galicia en Fitur.

No marco da celebración da 34 edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid, Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo de Querétaro asinaron un acordo para desenvolver accións de colaboración en materia de promoción e difusión de recursos turísticos así como de intercambio de know how, actividades formativas e prácticas relacionadas coa consolidación e fortalecemento dos produtos turísticos.

O intercambio en materia de formación e promoción turística formalizouse no marco de Fitur a través da sinatura dun acordo por parte da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e o secretario de Estado de Turismo de Querétaro, Mauricio Salmón Franz.

A colaboración entre a administración turística galega e o Estado mexicano ten por obxectivo establecer orientacións definidas en común dirixidas ao desenvolvemento dunha colaboración en materia de turismo entre ambos os territorios. Esta colaboración centrarase especialmente no intercambio de mellores prácticas e no fortalecemento de produtos turísticos. Ao tempo, intercambiarán formación académica en materia de turismo.

De igual modo, organizaranse no marco deste acordo viaxes de familiarización e participacións en eventos relacionados co sector turístico.

Territorios unidos pola tradición Franciscana
Galicia conmemora este ano o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. De igual modo, Querétaro conta con ampla tradición franciscana. Querétaro é o único Estado da República Mexicana, xunto co Distrito Federal, que conta con catro Patrimonios da Humanidade declarados pola Unesco: o centro histórico de Santiago de Querétaro con declaración desde 1996; as cinco misións franciscanas da Serra Gorda de Querétaro, que son Patrimonio Cultural da Humanidade desde 2003; os lugares de memoria e tradicións vivas dos otomíchichimecas de Tolimán, Patrimonio Inmaterial, e mais o Camiño Terra Adentro, que toca puntos de San Juan del Río.

Nesta edición de Fitur, o proxecto ‘Rutas de Querétaro: un destino multiexperiencial a la carta’ que implementou a Secretaría de Turismo Estatal, recibiu o Premio Excelencias Turísticas 2013, outorgado polo grupo editorial español Excelencias, especializado en produtos e servizos de diferentes áreas do mundo da comunicación e o turismo.

Arriba