A cifra de pernoitas en establecementos extrahoteleiros galegos medrou un 19,1% con respecto a xaneiro do ano pasado
No conxunto da oferta extrahoteleira, incrementouse un 5,1% a cifra de viaxeiros e subiu a estadía media un 13,3% a respecto de xaneiro de 2013.
O gasto turístico internacional medrou un 40,8% con respecto a xaneiro do ano pasado e o gasto medio diario por turista estranxeiro medrou un 1,1%.
Segundo o informe de perspectivas turísticas elaborado por Exceltur, en termos de mellora dos beneficios empresariais Galicia supera o resultado acadado nas Comunidades da España Verde, así como en Castela e León, Navarra, Madrid, Castela A Mancha e Aragón en 2013
O segmento extrahoteleiro amosa no primeiro mes do ano en Galicia unha dinámica positiva. Nas tres tipoloxías –apartamentos turísticos, turismo rural e cámpings rexístranse subas nas pernoctacións. Así os apartamentos turísticos rexistraron un 14,8% máis de pernoitas que en xaneiro do ano pasado; os cámpings, un 27,2% máis de pernoitas e as pernoitas en turismo rural medraron un 25% a respecto de xaneiro de 2013.
De igual modo, a cifra de viaxeiros sube nos cámpings un 59,6% con respecto a xaneiro do ano pasado e un 14,8% nas casas de turismo rural. No conxunto da oferta extrahoteleira, rexístrase polo tanto un incremento do 5,1% na cifra de viaxeiros e do 19,1% na cifra de pernoitas. Ao tempo a estadía media, en 2,42 noites, sube un 13,3% en relación a xaneiro do ano pasado no conxunto da oferta extrahoteleira regrada.
De igual modo, no segmento extrahoteleiro o crecemento da demanda turística prodúcese tanto no mercado nacional coma no internacional. O turismo nacional sobe un 20% e o internacional un 11%, no relativo as pernoctacións.
Gasto turístico internacional
No tocante ao gasto turístico, segundo a enquisa de Egatur, o gasto total do turismo estranxeiro en Galicia en xaneiro de 2014 foi de 66.069.554 euros. Este gasto implica unha suba do 40,8% en comparación ao mesmo mes do ano pasado. De igual modo, o gasto medio diario por turista estranxeiro foi de 111,48 euros, un 1,1% máis que en xaneiro de 2013.
Informe de perspectivas turísticas de Exceltur
Segundo a Enquisa de Clima Turístico, elaborada por Exceltur, na que se consulta aos empresarios do sector turístico sobre a evolución anuais das vendas e beneficios empresariais, obsérvase unha mellora da situación para Galicia. En particular, no ano 2013 o 22% dos empresarios manifestou ter incrementado o nivel de vendas en relación ao anterior ano 2012, porcentaxe que xustamente nese ano foi do 10,6%.
De igual modo, no relacionado co nivel de beneficios empresariais, no ano 2012 o 11% dos empresarios manifestou un comportamento positivo desta variable en relación ao anterior 2011 -un incremento porcentual-, cifra que neste 2013 ascende ao 38%. En síntese, preto do 40% dos empresarios manifesta que en 2013 melloraron os beneficios.
En termos de mellora dos beneficios empresariais Galicia supera o resultado acadado nas Comunidades da España Verde, así como en Castela e León, Navarra, Madrid, Castela A Mancha e Aragón. As perspectivas empresariais de cara a este ano 2014 son que o 68% dos empresarios espera incrementar as súas vendas e os seus beneficios neste ano en comparación co 2013.