Turismo de Galicia impulsa a promoción das festas de exaltación de produtos enogastronómicos galegos polo seu carácter diferencial e pola súa contribución á calidade e sostibilidade do destino
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, asistiu este domingo ao ‘Showcooking do Grupo Nove’, organizado en colaboración con Turismo de Galicia con motivo da celebración da 39 edición da Festa do Queixo de Arzúa. O Plan Integral de Turismo de Galicia inclúe unha liña estratéxica baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, para a busca da desestacionalización e de novos públicos. Nesa liña de actuacións inclúese a promoción e mellora das festas de exaltación de produtos enogastronómicos, especialmente as declaradas de Interese Turístico, mediante a consolidación de criterios homoxéneos de calidade e a promoción e valorización dos produtos sostibles e de calidade, conectados coa oferta de turismo industrial
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez asistiu hoxe ao Showcooking do Grupo Nove que se organizou con motivo desta 39 edición da Festa do Queixo de Arzúa no Recinto Feiral da localidade. Os cociñeiros do Grupo Nove Héctor López e Álvaro Villasante elaboraron receitas con queixo da D.O.P. Arzúa-Ulloa. O Grupo Nove realizou un showcooking grazas ao acordo con Turismo de Galicia no que se exaltaron as excelentes cualidades do produto protagonista deste gran evento.
O menú do showcooking estivo composto por un crocante de queixo curado; tomate escabechado e escuma temperada de queixo; airbag de queixo e sardiña; tataki de tenreira con pó de queixo curado; arroz cremoso; xeado de queixo e sopiña de marmelo.
Potenciación da enogastronomía como produto turístico
Turismo de Galicia ven de presentar o Plan Integral de Turismo de Galicia no que se incide especialmente a través da súa primeira liña estratéxica na potenciación do Camiño como eixo vertebrador de novas alternativas de turismo e modelo demostrador internacional, figura o incremento do valor engadido e a rendibilidade da ruta xacobea. A través da ruta xacobea pode potenciarse tamén a enogastronomía galega, dado que contribúe ao deseño dunha oferta segmentada por intereses. Tamén a través da gastronomía se poden vivir experiencias singulares no Camiño, coñecendo a cultura gastronómica dos máis de cen concellos atravesados polas Rutas Xacobeas.
Ao tempo, o Plan Integral de Turismo de Galicia inclúe unha liña estratéxica baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, para a busca da desestacionalización e de novos públicos. Nesa liña de actuacións inclúese a promoción e mellora das festas de exaltación de produtos enogastronómicos, especialmente as declaradas de Interese Turístico, mediante a consolidación de criterios homoxéneos de calidade e a promoción e valorización dos produtos sostibles e de calidade, conectados coa oferta de turismo industrial.
O obxectivo desta liña é desenvolver e promocionar o produto transversal do turismo enogastronómico e crear novos produtos turísticos para dinamizar a actividade e xerar experiencias turísticas senlleiras.
A festa do Queixo de Arzúa inclúe tamén actividades paralelas como catas, ciclos de conferencias, obradoiros de repostería creativa, xogos tradicionais, artesanía, baile, etc. Ademais celébrase un concurso de tapas e petiscos nos locais da vila, así como o Festival do Queixo 2014 .
A celebración, que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia dende 1999, contou tamén cunha homenaxe aos mozos deportistas galegos. Nesta edición participaron 34 queixerías ademais do propio stand do Consello Regulador e de Galicia Calidade.