16 feb 2014

O xerente do Xacobeo e o deán da Catedral reúnense para abordar colaboracións no marco do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago

Rafael Sánchez Bargiela e Segundo Pérez abordaron nunha xuntanza aspectos relacionados coa programación de actos da efeméride que conmemora os oitocentos anos da peregrinación do Santo de Asís a Compostela. O encontro enmárcase na rolda de contactos que o xerente do Xacobeo está a realizar tras a súa recente incorporación á fronte da xestión da sociedade

O xerente do Xacobeo e o deán da Catedral reúnense para abordar colaboracións no marco do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago

O xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela e mais o deán presidente do Cabildo da Catedral de Santiago, Segundo Leonardo Pérez López mantiveron esta semana un encontro de traballo para abordar aspectos de interese común.

A xuntanza enmárcase na rolda de contactos que está a manter o novo xerente da sociedade, dende a súa incorporación ao cargo. No encontro abordáronse asuntos relacionados cos traballos de organización dos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, que se celebra dende mediados de 2013 ata mediados de 2015 e que inclúe múltiples eventos congresuais, expositivos, culturais e artísticos.

Entre os aspectos abordados no encontro estiveron o II Congreso Internacional de Acollida Cristiá e Nova Evanxelización no Camiño de Santiago, que se celebrará a finais de abril no Instituto Teolóxico Compostelán.

Ao tempo que se comentaron asuntos relacionados con proxectos expositivos e se analizaron aspectos que competen a ambas institucións relacionados coa formación de hospitaleiros das Rutas Xacobeas, así como coa colaboración na publicación do Anuario Sancti Iacobi

Arriba