12 feb 2014

A directora de Turismo entregou o premio a Asier Alcalde Larrañaga, gañador da 5ª semifinal do concurso ‘Cocinero del año’ que se celebrou no CSHG

Nava Castro Domínguez destacou a aposta de Turismo de Galicia polo fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías para lograr un sector competitivo e un destino intelixente, tal e como se recolle no Plan Integral de Turismo de Galicia. -O cociñeiro do Restaurante Eirado da Leña, en Pontevedra, Iñaki Bretal, acadou o terceiro posto da semifinal. O segundo posto foi para Félix Manso, do Restaurante Gaztelumendi-Antxon. -A final do concurso Cocinero del Año celebrarase en Barcelona. Tamén se celebrou a 5ª semifinal da primeira edición do concurso Camarero del Año, no que resultou gañador desta semifinal o galego Breogán Diéguez do Real Club Náutico de Vigo

A directora de Turismo entregou o premio a Asier Alcalde Larrañaga, gañador da 5ª semifinal do concurso ‘Cocinero del año’

O Centro Superior de Hostelería de Galicia acolleu hoxe a 5ª Semifinal do Concurso ‘Cocinero del Año’, un evento nacional dirixido a chefs profesionais e avalado polo chef con tres Estrellas Michelin, Martín Berasategui. A última semifinal do concurso contou con tres cociñeiros galegos competindo.

A directora de Turismo entregou o premio a Asier Alcalde Larrañaga, gañador da 5ª semifinal do concurso ‘Cocinero del año’

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro foi a encargada de entregar o galardón ao cociñeiro Asier Alcalde Larrañaga, que resultou vencedor entre os oito semifinalistas desta 5ª semifinal da 5ª edición do premio.

Asier Alcalde Larrañaga, do Restaurante Laia, en Hondarribia resultou gañador da semifinal do concurso. Asier naceu en San Sebastián, cursou estudos de hostalería na mesma cidade e na escola Cbanc Cdea. Tras o seu paso polos restaurantes Mugaritz, en Rentería; Fagollaga; en Hernani; Ca’l Amador, Josa de Cadi, en Lleida; El Celler de Can Roca, en Girona e The Bonham Frech Restaurant, en Edimburgo, é na actualidade o cociñeiro do Restaurante Laia, en Hondarribia. Ten sido premiado como Campeón Nacional de Escolas de Hostalería en 2008 e como Joven Promesa da Cociña Vasca tamén en 2008.

O segundo posto foi para Félix Manso, do Restaurante Gaztelumendi-Antxon; en Irún e o terceiro posto para Iñaki Bretal Romay, do Restaurante Eirado da Leña, en Pontevedra.

Nava Castro comentou que para Galicia é moi importante que o certame se celebre no Centro Superior de Hostelería de Galicia, dado que a gastronomía é un dos nosos baluartes fundamentais no conxunto da nosa oferta turística. Nava Castro trasladou tamén aos participantes a noraboa pola dedicación e esforzo.

A directora de Turismo recalcou no acto de entrega que iniciativas como esta sitúan á cociña galega no punto de mira da cociña nacional. Recalcou tamén o prestixio, repercusión e recoñecemento do concurso e felicitou aos organizadores pola iniciativa de poñer en marcha tamén o concurso Camarero del Año que pon en valor a importancia do traballo en equipo. O gañador da 5ª semifinal da I Edición do concurso Camarero del Año foi o galego Breogán Diéguez Ayán. Breogán desempeña labores de responsable de Alimentos e Bebidas do Real Club Náutico de Vigo. Ten participado no Concurso de Coctelería Xosé Rodríguez-Moldes Rey e no Bacardi Martini Gran Prix.

A directora de Turismo de Galicia resaltou a importancia da gastronomía como elemento de fidelización do destino e como diversificadora da oferta turística, ao tempo que incidiu na súa capacidade de desestacionalización. Nava Castro incidiu tamén na importancia do talento e da formación para os integrantes do sector turístico e lembrou que o Plan Integral de Turismo de Galicia recolle a aposta pola profesionalización dos axentes porque “a calidade do servizo e a atención son a mellor promoción dun destino”.

Nava Castro lembrou tamén que Turismo de Galicia traballa na promoción do Centro Superior de Hostelería de Galicia como exportador do coñecemento e icona da calidade, a innovación e a excelencia nos servizos turísticos.

Arriba