31 xan 2014

Málaga acolle unha conferencia sobre o Camiño organizada por Turismo de Galicia no marco do ciclo ‘Inverno Xacobeo’

A conferencia será impartida polo técnico da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo Francisco Singul e leva por título ‘O Camiño de Santiago, unha visión mística e cultural’, - Celebrarase dentro dos actos de clausura do ciclo Inverno Xacobeo que tivo lugar na cidade andaluza dende o 17 de xaneiro e que está organizado por Turismo de Galicia, coa colaboración do Ateneo e mais da Asociación de Amigos do Camiño de Málaga.

Turismo de Galicia ofrece hoxe en Málaga unha conferencia enmarcada nos actos de clausura do programa Inverno Xacobeo que se celebra nesa cidade dende o día 17 deste mes e que conta coa colaboración do Ateneo e da Asociación de Amigos do Camiño de Málaga.

A conferencia, titulada O Camiño de Santiago, unha visión mística e cultural, será impartida polo técnico da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo Francisco Singul no Ateneo malagueño e versará sobre aqueles aspectos máis significativos e vinculados coa cultura da peregrinación xacobea e a mentalidade que a fixo posible, froito da cosmovisión do Occidente medieval.

Dentro deste programa que se clausura hoxe, Turismo de Galicia tamén organizou a exposición fotográfica Santiago-Kumano. Camiños de Peregrinación do fotógrafo xaponés Tomohiro Muda e do finado artista vigués Luís Ocaña.

Esta mostra Santiago- Kumano. Camiños de Peregrinación de Tomohiro Muda e Luís Ocaña enmárcase na celebración do Ano Dual España-Xapón, no que se conmemoran 400 anos de relacións entre os dous países. A exposición contrapón as vivencias fotográficas do galego Luís Ocaña no seu percorrido polo camiño sagrado de Kumano Kodo en Xapón e as do xaponés Tomohiro Muda no seu percorrido polo Camiño de Santiago. Esta exposición itinerante xa se amosou en lugares como Tanabe e Tokyo, en Xapón; ou en París e Santiago de Compostela.

Outros eventos do ciclo Inverno Xacobeo foron a conferencia O Camiño de Santiago e as vías pecuarias a cargo do avogado e responsable de Vías Pecuarias da Consellería de Medio Ambiente da Junta de Andalucía, José Gallardo Velázquez; ou a representación da obra O Camiño. Imaxes, sons e sentimentos, escrita e dirixida por Fernando Santos Urbaneja.

Arriba