O novo produto ‘Trens turísticos de Galicia’ protagoniza a programación do pavillón de Galicia en Fitur
A ministra de Fomento, Ana Pastor, realizou hoxe unha visita ao pavillón galego na segunda xornada da Feira Internacional de Turismo de Madrid. -Turismo de Galicia e Renfe puxeron en marcha o ano pasado esta iniciativa para percorrer en tren varias rutas con visitas guiadas a recursos turísticos. -Tras a gran acollida que obtivo o proxecto pioneiro en Galicia utilizando como medio de transporte o ferrocarril, darase continuidade aos trens turísticos existentes e ampliarase a oferta con novas rutas
Turismo de Galicia puxo en marcha o ano pasado en colaboración con Renfe o novo produto rutas turísticas en tren. O proxecto, pioneiro en Galicia, obtivo unha gran acollida polo que se dará continuidade aos trens turísticos existentes ao tempo que se ampliará a oferta con novas incorporacións.
A ministra de Fomento, Ana Pastor, realizou hoxe unha visita institucional ao pavillón de Galicia en Fitur e percorreu as diferentes dependencias deste acompañada da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e das autoridades presentes na feira nesta segunda xornada dedicada ao público profesional.
Novidades dos trens turísticos en 2014
Este ano 2014 os viaxeiros poderán escoller entre sete rutas diferentes, clasificadas por temáticas e en diferentes zonas de Galicia. Así ademais de percorrer os faros, os pazos e xardíns da camelia, poderanse percorrer en tren os cinco territorios das denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia. Durante o primeiro ano da súa posta en funcionamento, o produto rexistrou máis de 600 viaxeiros, que desfrutaron deste itinerarios.
De igual modo, as rutas en tren inclúen entre as novidades previstas para a tempada de 2014 os paquetes de fin de semana nos que se combinan as rutas de tren coa estadía dunha noite nun establecemento hoteleiro.
A posta en funcionamento destas rutas ten sido posible grazas á colaboración interinstitucional e con estes novos produtos perséguese ampliar a oferta turística da comunidade galega a través da adopción de políticas turísticas que fomenten o desenvolvemento sustentable do sector.