10 abr 2014

Santiago de Compostela acolle mañá o set itinerante da campaña de turismo ‘Galicia de cine’ polo que xa pasaron máis de 500 persoas en Madrid, Barcelona e Sevilla

O set no que os cidadáns poden participar coas súas achegas e conseguir formar parte do sorteo de viaxes por Galicia así como do casting que elixirá aos protagonistas da próxima campaña de Turismo de Galicia pode visitarse mañá venres entre as 17 e as 21 horas na Praza do Obradoiro.


A instalación forma parte das accións especiais da campaña de Turismo de Galicia e a acción xa tivo lugar en Madrid, Barcelona e Sevilla.


Nela xa participaron máis de 500 persoas que aportaron as súas gravacións sobre Galicia como destino turístico.

Imaxe da promoción "Galicia de cine" en Madrid.

O set de Galicia de cine, unha acción especial que forma parte da nova campaña de Turismo de Galicia para este 2014 e que consiste nunha plataforma itinerante, instalarase mañá pola tarde na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, a onde chega tras percorrer Madrid, Barcelona e Sevilla e tras contar coa participación de máis de 500 persoas que fixeron as súas achegas con vídeos sobre os seus recursos e produtos turísticos galegos favoritos.

A acción promocional de ‘street marketing’ ten por obxectivo difundir as singularidades do destino Galicia e recompilar as testemuñas dos cidadáns que queiran participar falando sobre as súas motivacións e reclamos para visitar Galicia. Trátase dunha acción que pretende fomentar a interactividade dos viaxeiros co destino.

O set itinerante da rodaxe está formado por dous escenarios: un deles recollerá os motivos polos que os viaxeiros deciden vir a Galicia a través dunha gravación persoal. E o outro escenario, enmarcado dentro da promoción A persoa que máis recomenda Galicia no mundo, ten por obxectivo gravar a aqueles que xa coñecen Galicia e que a recomendan aos seus para compartir a súa experiencia. Estes vídeos poderán ser subidos á rede para participar na promoción online ata o día 15 de maio.

Entre todos os participantes que se acheguen a aportar testemuñas sortearanse viaxes por Galicia, e todos formarán parte do casting no que se elixirá aos protagonistas da próxima campaña de Turismo de Galicia.

Campaña 2014
A campaña 2014 de Turismo de Galicia, Galicia, el buen camino, ten un novo eslógan: ‘Á xente que quero, recoméndolle Galicia’/’Si te han recomendado Galicia, es que te quieren’. A mensaxe incide na capacidade dos viaxeiros e dos propios galegos para seren prescritores de opinión do destino. Ao tempo, resalta a condición de multiexperiencial do Galicia como destino turístico e aqueles elementos diferenciais que conforman os principais atractivos da comunidade.

O hastag #Galiciaelbuencamino será o utilizado para as comunicacións online e as recomendacións dos fans de Galicia teñen por obxectivo buscar protagonistas para as seguintes fases da campaña. Estas e outras testemuñas recollidas na internet poderán verse no sitio galicia.es. Alí tamén se articulará a acción promocional ‘Sé a persoa que máis recomenda Galicia do mundo’. Quen o desexe poderá deixar a súa mensaxe lembrando Galicia nesta web así como nas súas redes sociais.

Ao tempo, as contas nas redes sociais de Turismo de Galicia apoiarán e monitorizarán todas as accións da campaña nas redes.

Arriba