22 abr 2014

Operadores turísticos de Filipinas, Singapur e Brunei coñeceron a oferta turística de Galicia

Visitaron nunha viaxe de familiarización organizada por Turismo de Galicia a cidade de Santiago de Compostela e varios enclaves das Rías Baixas.

Representantes de 10 operadores turísticos de Filipinas, Singapur e Brunei participaron nunha viaxe de familiarización organizada por Turismo de Galicia en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Singapur ao obxecto de que coñeceran parte da oferta turística galega para logo incluíla nos seus programas de viaxes.

As axencias participantes nesta viaxe que se iniciou en Santiago foron: Safe 2 Travel, MBM Classic Travel, ASA Holidays, Scenic Travel PTE LTD, INC, Country Holidays Travel, New Shan Travel,AS Tours, Classic Travel e Freme Tourism Services.

Tras a súa chegada a Santiago, os visitantes puideron coñecer a Catedral e asistir ao funcionamento do Botafumeiro, ademais de manter unha xuntanza de traballo.

Gastronomía
Os operadores turísticos asiáticos visitaron o casco histórico da capital compostelá e achegáronse ata o mercado de abastos, onde puideron coñecer os produtos máis singulares da gastronomía de Galicia.

Ademais, na súa estadía en Santiago, tamén se achegaron á Cidade da Cultura de Galicia para facer unha visita guiada polas súas instalacións e oferta cultural.

Percorrido por Galicia
Os operadores turísticos de Filipinas, Singapur e Brunei desprazáronse ata as Rías Baixas, para visitar Vilagarcía de Arousa e o Pazo de Rubiáns, así como a vila de Cambados, a Illa da Toxa, a praia da Lanzada e Combarro.

Os visitantes achegáronse ata o concello pontevedrés da Estrada para visitar o Pazo de Oca e os seus xardíns.

Arriba