23 abr 2014

Turismo de Galicia impulsa dous cursos de e-márketing e xestión de redes sociais destinado aos representantes do sector turístico da Ribeira Sacra

O prazo de inscrición permanece aberto ata o próximo día 24 de abril, podendo realizarse as solicitudes por correo electrónico (aula.turismo@ribeirasacra.org) e nas oficinas administrativas do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra en Nogueira de Ramuín.

Turismo de Galicia, en colaboración co Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, ofrece aos empresarios e profesionais do sector turístico na Ribeira Sacra a posibilidade de realizar cursos formativos sobre xestión de redes sociais e e-márketing.

Estes cursos, que se levarán a cabo nas instalacións da aula multimedia de edificio multiusos de Monforte, considerase que son especialmente útiles para este sector, posto que permiten adaptar o programa formativo para o colectivo específico ao que vai dirixido, facendo fincapé nas actuacións, o vocabulario e as fórmulas de expresión que son máis habituais no ámbito turístico.

Esta iniciativa resulta de especial interese para os traballadores do sector na Ribeira Sacra, pois trátase dunha oportunidade para adquirir unha base que servirá aos profesionais para promover tanto unha mellor difusión dos servizos que ofrecen nos seus establecementos como a atención aos turistas que se interesen pola zona.

Cómpre subliñar a grande incidencia do turismo na imaxe da zona. Ao respecto, hai que lembrar o notable incremento de visitantes rexistrado durante o último ano nesta área, onde no pasado ano aumentou en case un 10% a cifra de viaxeiros con relación ao exercicio anterior.

O edificio multiusos de Monforte acollerá os dous cursos (nivel básico e nivel intermedio). O primeiro desenvolverase os días 7, 14 e 21 de maio, entre as 9.30 e as 11.30 horas. O segundo dos cursos levarase a cabo os días 8, 15 e 22 de maio, no mesmo horario que o anterior.

Os empresarios e profesionais do sector turístico que queiran acceder aos cursos poden enviar as inscricións ao enderezo de correo electrónico aula.turismo@ribeirasacra.org ou formalizar a inscrición a través das oficinas do Consorcio de Turismo (Luintra, 3. Nogueira de Ramuín -32160-).

O prazo de presentación de solicitudes permanece aberto ata o día 24 de abril. Para a celebración dos cursos é obrigatorio contar cun mínimo de oito alumnos matriculados e un máximo de ata 20.

Arriba