A directora de Turismo destaca a capacidade da cociña tradicional para xerar atractivos singulares nos destinos turísticos no acto de entrega do XII Premio ‘Lola Torres’ ao restaurante Can Roca
Nava Castro recalcou a entrega e a dedicación da galardoada, Montserrat Fontanet e a súa contribución para ser o xerme do que hoxe se considera o mellor restaurante do mundo: el Celler de Can Roca.
A directora de Turismo incidiu na capacidade da gastronomía como elemento de fidelización dos viaxeiros aos destinos e na importancia da cociña tradicional para preservar a identidade e a singularidade destes.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presidiu o acto de entrega do XII Premio Nacional de Gastronomía Tradicional Lola Torres concedido pola Fundación Amigos de Galicia ao restaurante Can Roca de Girona e que recolleu a súa dona, Montserrat Fontanet Serra.
O premio Lola Torres para Can Roca fallouse en outono no marco da Festa do Marisco do Grove. A entrega celebrouse hoxe no Centro Superior de Hostelería de Galicia. No acto interviñeron tamén Rafael Mourelos Rodiño, en nome da familia de Lola Torres, o alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez García, o presidente da Fundación Amigos de Galicia, Miguel Villar Costoyas, así como a galardoada, Montserrat Fontanet Serra.
A directora de Turismo manifestou o recoñecemento ao labor da Fundación Amigos de Galicia por difundir a gastronomía tradicional e poñela en valor, así como á galardoada desta XII edición por unha vida dedicada “á hostalería e por ser o xerme do que ten dado lugar ao que hoxe se considera o mellor restaurante do mundo, o dos seus tres fillos: El Celler de Can Roca”. “O premio Lola Torres recoñece o labor das persoas que dedican a vida ao traballo ben feito e á actitude xenerosa e á cociña con respecto e cariño”, explicou Nava Castro.
Ademais recalcou que Can Roca é, “segundo definen os propios creadores deste gran referente gastronómico, un dos planetas do universo Roca e é parte dese equipo que consegue manter a cociña pegada á realidade, á calidade e aos bos alimentos”. Segundo explicou a directora, “a busca da excelencia na cociña como nos destinos turísticos é o eixo vertebrador que ten que guiar a traxectoria, porque só querendo ser os mellores, chegaremos a selo”. E engadiu que os sabores da cociña quedan na memoria dos viaxeiros e son “un dos máis potentes elementos de fidelización dun destino”.
Nava Castro incidiu na importancia de conservar na gastronomía a esencia do auténtico porque “son os nosos recursos endóxenos e a nosa forma de comunicalos o que nos fai diferentes do resto dos lugares do mundo”. A directora de Turismo resaltou tamén a importancia da formación e a labor do Centro Superior de Hostelería de Galicia, “no que estudan e se preparan os profesionais da cociña e do turismo do mañá”.