20 mai 2014

A Xunta promociona a organización de congresos en Galicia na feira Imex de Fráncfort

Desde hoxe e ata o día 22 de maio, Turismo de Galicia participará neste certame especializado no que se desenvolverán reunións cos principais operadores turísticos europeos dedicados á organización de xuntanzas profesionais.

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, promocionará o sector da organización de congresos e reunións de empresa na feira especializada IMEX, que se desenvolverá entre hoxe o vindeiro día 22 de maio na cidade alemá de Fráncfort.

Esta é unha das feiras de congresos máis senlleiras do mundo no ámbito do turismo de reunións. Dentro das actividades que se desenvolverán neste certame destacan as xuntanzas de traballo previstas cos principais operadores turísticos europeos relacionados co turismo de reunións.

Nesta feira, Turismo de Galicia contará cun mostrador para presentar a información da oferta turística de Galicia, relacionada tanto cos congresos como con outros recursos paisaxísticos, gastronómicos ou de infraestrutura hoteleira.

Por outra parte, está prevista a presentación da oferta turística galega, nun acto que se desenvolverá no propio recinto da feira, así como a asistencia ao actos de promoción organizados pola Oficina de Turismo de España en Fráncfort.

Así, Turismo de Galicia participará na presentación aos medios de comunicación alemáns da oferta española de turismo de congresos e no evento A Noite de España, punto de encontro de profesionais españois e alemáns para intercambiar opinións e coñecer as novidades do sector.

Arriba