10 mai 2014

Unha trintena de operadores turísticos de Rusia, Kazajistán, Uzbequistán e Bielorrusia coñecen esta semana a oferta turística galega nun 'fam trip' organizado por Turismo de Galicia

Turismo de Galicia en colaboración con Marfil Travel organizou esta viaxe na que os operadores coñecerán diversos recursos e produtos singulares da oferta turística da comunidade.


O Plan Integral de Turismo inclúe accións destinadas a impulsar a promoción unificada da marca Galicia a través de prescriptores, así como ao fortalecemento dos procesos de intermediación e comercialización.

Durante cinco días, 23 operadores rusos, 6 procedentes de Kazajistán, un de Uzbequistán e outro de Bielorrusia percorrerán as catro provincias galegas nun fam trip organizado por Turismo de Galicia en colaboración con Marfil Travel, unha empresa especializada en servizos de receptivo para un gran número de operadores turísticos de mediano e pequeno tamaño de Rusia e mercados próximos.

O Plan Integral de Turismo de Galicia recolle na liña estratéxica 5, centrada na comercialización de Galicia como destino único baseado nun modelo a demanda, accións a impulsar relacionadas coa promoción unificada da marca Galicia a través de prescriptores.

Así, neste conxunto de accións inclúense aquelas destinadas ao fortalecemento dos procesos de intermediación e comercialización. Como é o caso da realización de viaxes de familiarización para operadores turísticos e axencias de viaxe, así coma viaxes de prensa con medios de comunicación e blogueiros para mellorar a visibilidade do destino. Ademais do desenvolvemento de xornadas de traballo en cooperación entre operadores turísticos.

Nesta liña enmarcase a colaboración que dende o ano 2012 Turismo de Galicia ven mantendo coa empresa Marfil Travel. Nestes dous anos de colaboración rexistrouse un importante incremento no número de circuítos programados a Galicia e no número de viaxeiros procedentes destas nacionalidades.

Itinerario da viaxe de familiarización
No programa da viaxe inclúese a visita á Coruña, onde visitarán a cidade vella, a Torre de Hércules, os xardíns de San Carlos, o Castelo de San Antón, as praias e o paseo marítimo, entre outros recursos turísticos da cidade; e onde disfrutarán da oferta gastronómica local.

Ademais, a trintena de operadores realizará unha visita a Santiago de Compostela que incluirá a catedral e o casco histórico –así como as cubertas e o botafumeiro-, a Alameda e tamén a oferta culinaria da cidade.

En Lugo visitarán a Muralla romana e o casco histórico e a catedral ademais de disfrutar da comida típica. Trasladaranse tamén ao Cebreiro, porta de entrada do Camiño Francés en Galicia e ao Piornedo e os Ancares.

Desprazaranse tamén á praia das Catedrais e ás vilas de Ribadeo e Mondoñedo. Tamén visitarán Ourense e as Termas de Outariz, e a cidade de Pontevedra e mais a ría. Desprazaranse á Lanzada e á Toxa, así como ao Grove realizando un embarque en catamarán pola Ría de Arousa. Visitarán Cambados e Sanxenxo e a súa oferta de turismo de saúde.

De igual modo, percorrerán Baiona e achegaranse ás Illas Cíes, onde farán unha ruta a pé. E realizarán unha visita pola cidade de Vigo.

Arriba