O Camiño Portugués foi a ruta escollida para o concurso de patrullas da Brigada de Infantería Lixeira Galicia VII celebrado con motivo do seu XLVIII aniversario
Turismo de Galicia colabora con esta iniciativa proporcionando información e apoio loxístico.
Os concursantes teñen a posibilidade de obter a Compostela como acreditación do seu percorrido.
A Praza do Obradoiro recibe hoxe aos concursantes da 13 edición do Concurso de Patrullas Tui-Santiago da Brigada de Infantería Lixeira Galicia VII-Brilat, que se celebra con motivo do XLVIII aniversario da súa creación.
A proba desenvólvese no Camiño Portugués en Galicia e consiste nun percorrido de 120 quilómetros con sete probas de carácter militar nun tempo máximo de 36 horas.
O obxectivo deste concurso é fomentar o espírito de cohesión e reforzar a identidade colectiva das Forzas Lixeiras. Participaron no concurso 11 patrullas así como unidades participantes convidadas non pertencentes á Brilat. Os participantes realizaron sete probas dende a súa saída o pasado día 27 de maio dende o embarcadoiro de Tui. Realizaron polo camiño probas relacionadas co percorrido topográfico, tiro de precisión, paso de pista de obstáculos, paso de río, lanzamento de granadas e percorridos cronometrados.
Turismo de Galicia, a través do Xacobeo, colaborou con esta iniciativa facilitando dispoñibilidade das infraestruturas de aloxamento e proporcionando información e apoio loxístico.
Os integrantes do grupo saíron de Tui e foron realizando diferentes actividades nas distintas etapas que ían superando. Chegaron a Santiago onte e esta mañá celebraron un acto de clausura da marcha así como o acto de entrega de premios do concurso de patrullas, tras o que asistiron á Misa do Peregrino.