01 xuñ 2014

A Ruta do Viño do Ribeiro organiza unha degustación dunha vintena dos seus caldos dentro das III Xornadas de portas abertas que se celebran esta fin de semana

O delegado territorial da Xunta en Ourense participou nesta iniciativa de Turismo de Galicia que aposta por potenciar a enogastronomía como produto turístico.

Estas xornadas contan coa participación de 13 adegas desta Denominación de Orixe e 5 restaurantes da zona e ofrecen visitas guiadas polas adegas, menús especiais, rutas turísticas e descontos en establecementos de aloxamento.

Xornadas de portas abertas nas rutas dos viños de Galicia, no Ribeiro.

A Praza da Madalena da localidade ourensá de Ribadavia acolleu este serán unha degustación dunha vintena de caldos pertencentes a adegas da Ruta do Viño do Ribeiro, amenizada por unha actuación musical en directo. Foi unha das moitas actividades programadas dentro das III Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia que se celebran esta fin de semana na comarca do Ribeiro, coincidindo coas das Rías Baixas. Esta iniciativa, promovida por Turismo de Galicia, ten por obxectivo potenciar a enogastronomía como atractivo turístico para a nosa comunidade.

O delegado territorial da Xunta de Galicia, Rogelio Martínez, participou neste túnel do viño e cualificou as xornadas como unha grande oportunidade para dar a coñecer “a nosa provincia e a os seus viños porque estamos seguros do gran potencial que ten o enoturismo en Galicia e dos seus beneficios”.

Ademais do túnel do viño, esta fin de semana 13 adegas da Denominación de Orixe Protexida do Ribeiro ofrecen de balde visitas guiadas polas súas instalacións e degustacións dos seus viños. Hoxe houbo tres pases de visitas e mañá haberá o derradeiro pase ás doce da mañá.

Xunto coas visitas guiadas polas adegas, 5 restaurantes da zona ofrecen dous menús especiais que se compoñen de primeiro e segundo prato, máis sobremesa. Todo isto maridado con viños da Denominación de Orixe do Ribeiro. O prezo final é de 25 euros por persoa con IVE engadido. Estes restaurantes tamén ofrecen menús especiais para menores de 12 anos a un prezo de 10 euros.

O programa complétase con actividades relacionadas co mundo do viño coma exposicións fotográficas, rutas turísticas e descontos en 5 establecementos de aloxamento enclavados na Rutas do Viño do Ribeiro.

A vindeira fin de semana, 7 e 8 de xuño, celebrarase a terceira edición das Xornadas dos Viños nas Denominacións de Orixe de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras.

Arriba