Galicia e Xapón organizarán iniciativas conxuntas para promocionar os Camiños de Santiago e Kumano en Oriente e Occidente
Na súa viaxe a Xapón, o presidente da Xunta destacou a oportunidade que supón para ambos os dous territorios unha promoción conxunta de dúas rutas de espiritualidade que comparten moitas similitudes.
A reunión de onte serviu para renovar os vínculos xa existentes, unha relación que se remonta a anos atrás: en xullo de 2012 o presidente galego e o gobernador de Wakayama asinaron un memorando encamiñado a afondar nas relacións de amizade e de cooperación entre os dous pobos.
Galicia agasallou ao pobo nipón cun marco conmemorativo ao Camiño Kumano, con motivo da próxima celebración do décimo aniversario da súa Declaración como Patrimonio da Humanidade
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo un encontro co gobernador da Prefectura de Wakayama, Yoshinobu Nisaka, con quen avanzou na posibilidade de que Galicia e Xapón organicen iniciativas conxuntas para promocionar o Camiño de Santiago en Oriente, e o Camiño Kumano en Occidente.
Durante o encontro, tanto Alberto Núñez Feijóo como Yoshinobu Nisaka coincidiron na oportunidade que supón para ambos os dous territorios unha promoción conxunta das súas rutas de espiritualidade, máis cando se trata de dúas sendas de peregrinación que o son desde hai centos de anos e que remontan as súas orixes á Idade Media; ambas teñen sido transitadas por milleiros de peregrinos ao longo dos séculos; as dúas comparten unha longa tradición de peregrinaxe, unha historia común de espiritualidade e concordia; e as dúas son referentes culturais para Oriente e para Occidente.
A xuntanza entre o presidente galego e o gobernador da Prefectura de Wakayama serviu para renovar os vínculos fraternos existentes entre os dous territorios, unha relación que se remonta xa a anos atrás. Así, en xullo de 2012, o presidente da Xunta recibiu ao gobernador de Wakayama en Santiago de Compostela, un encontro no que asinaron un memorando para afondar nas relacións de amizade e cooperación entre ambos os dous territorios, que viña dar continuidade á declaración oficial de amizade rubricada polo presidente Fraga en 1998.
Marco conmemorativo ao Camiño Kumano
Feijóo tamén quixo testemuñar o respecto do Camiño de Santiago ao Camiño Kumano, agasallando ao pobo nipón cun marco conmemorativo da celebración do décimo aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
Coa reunión co gobernador de Wakayama, Alberto Núñez Feijóo pechou a segunda xornada da súa viaxe oficial a Xapón, na que tivo oportunidade de percorrer un treito do Camiño Kumano, visitar o templo Hongu Taisha ou de participar nun xantar co alcalde de Tanabe, Mitsutoshi Manago.