09 xuñ 2014

Representantes das delegacións do Consello Executivo da OMT visitaron o Centro Superior de Hostelería de Galicia

Delegacións de 54 países participaron esta semana na 98ª reunión do Consello Executivo da Organización Mundial do Turismo. O Hostal dos Reis Católicos acolle ás delegacións de 31 países membros do Consello Executivo e mais de 23 países observadores.

Os cabezas de delegación de cada país participante visitaron as instalacións do Centro Superior de Hostelería de Galicia e degustaron un cocktail realizado por parte dos alumnos do centro con produtos típicos de Galicia.

Os representantes das delegacións que estiveron estes días en Santiago realizaron un tramo do Camiño, visitaron a Catedral e tiveron ocasión de ver o botafumeiro.

Os representantes da OMT, no CSHG.

Os alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia recibiron  a visita dos delegados dos 54 países membros e observadores asistentes ao 98 encontro do Consello Executivo da Organización Mundial do Turismo, que se celebrou en Santiago de Compostela e que contou coa presenza de representantes procedentes de 31 dos países integrantes do consello e mais de 23 países que asisten como observadores ao mesmo.

Os delegados tiveron ocasión de realizar unha visita ao Centro Superior de Hostelería de Galicia, acompañados pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez. Alí puideron degustar un cocktail realizado polos propios alumnos do centro e para o que se utilizaron produtos típicos e representativos da gastronomía de Galicia, de modo que os asistentes puideron degustar unha mostra dos pratos e dos viños galegos, un dos máis importantes atractivos da comunidade como destino turístico.

Os participantes no Consello Executivo da OMT amosaron o seu interese por coñecer o centro, dependente de Turismo de Galicia. O Centro Superior de Hostelería de Galicia é un centro de ensino superior que forma directivos hostaleiros e xestores en cociña cunha metodoloxía moderna e eficaz. Dende a súa posta en funcionamento en 1995, o CSHG ten formado a máis de 2.000 directivos que desenvolven a súa labor en empresas hosteleiras e turísticas de todo o mundo. O centro conta cun ambicioso programa formativo e con numerosas colaboracións con algunhas das máis reputadas cadeas hoteleiras do mundo e ten acadado un gran prestixio e é hoxe unha referencia a nivel internacional. Os alumnos do centro teñen a posibilidade de compartir a formación con alumnos doutros centros internacionais e outras universidades. Os alumnos teñen a posibilidade durante o seu período formativo de realizar prácticas internacionais nos cinco continentes.

Balance de actividade
Os asistentes a esta 98ª reunión do Consello Executivo da OMT que se desenvolveu entre os días 4 e 6 de xuño percorreron durante a primeira xornada do encontro un pequeno tramo do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía e tiveron ocasión de facer unha visita á Catedral de Santiago ao tempo que puideron ver o funcionamento do botafumeiro.

De igual modo, a directora de Turismo de Galicia realizou no marco do encontro unha presentación sobre a Ruta Xacobea e o seu aproveitamento turístico. As delegacións asistentes a este encontro amosaron o seu interese por afondar no coñecemento dos diversos aspectos do Camiño de Santiago. Ademais, o secretario xeral da OMT, Taleb Rifai, explicou en conferencia de prensa que esta cita en Santiago acadou o número máis elevado de países participantes na historia do Consello Executivo, “dado o gran interese e atractivo de España para os países membros e os países observadores que forman parte do Consello”.

O Consello Executivo tivo entre as súas temáticas fundamentais asuntos relacionados con tres aspectos: a conectividade e a fiscalidade, a accesibilidade e mais a conexión entre as rutas de turismo e a promoción rexional. Ademais, fíxose referencia ás taxas turísticas e ao impulso do turismo sostible, ético e responsable.

Esta 98 reunión do Consello Executivo da OMT está enmarcada nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. A conmemoracióncontará con outros importantes eventos congresuais entre os actos máis significativos –ademais de con esta reunión do Consello Executivo da OMT que se enmarca nos actos da conmemroación- como é o caso do I Congreso Internacional de Peregrinacións e Turismo, que conta tamén coa colaboración da Organización Mundial do Turismo, e que se celebrará o vindeiro mes de setembro.

Arriba