01 xuñ 2014

Turismo de Galicia organiza unha visita de dezanove operadores nacionais e portugueses para que coñezan a oferta turística de Santiago de Compostela

O sábado mantiveron unha xuntanza de traballo cos representantes das asociacións de hostalaría, restauración e turismo de Compostela.


Puideron coñecer tamén parte da oferta da contorna turística da cidade do Apóstolo.

Representantes de 19 operadores turísticos nacionais e portugueses tiveron a oportunidade de coñecer a pasada fin de semana a oferta turística de Santiago de Compostela e participar nunha xuntanza de traballo cos axentes turísticos, hostaleiros e da restauración compostelá para ter información de primeira man sobre os servizos que prestan, grazas a unha viaxe de familiarización turística organizada por Turismo de Galicia.

Nesta viaxe, coa que colaborou a Asociación de Empresarios de Hostalaría de Santiago de Compostela e Comarca, os operadores turísticos convidados visitaron os principais recursos turísticos da cidade, así como establecementos hostaleiros e de restauración.

Logo da xuntanza de traballo, que tivo lugar ás 9.30 horas do sábado no Hostal dos Reis Católicos, os visitantes achegáronse ata a catedral para ver en funcionamento o Botafumeiro e subir ás cubertas da basílica.

Centro histórico
Durante a tarde do sábado, os operadores turísticos nacionais e portugueses realizaron un tour turístico polas principais rúas do centro histórico compostelán.

O domingo pasado visitaron a Cidade da Cultura de Galicia e desprazáronse ata A Estrada para visitar o Pazo de Oca. Xa pola tarde, regresarán aos seus lugares de orixe.

Os operadores turísticos que participaron nesta viaxe de familiarización organizada por Turismo de Galicia son: Set viatges, Iberrusia travel, Iltrida viatges, Ola travel, 747 viatges, País mágico, Viajes San Cecilio, Century incoming, Viajes Greco, Lexi tours, Activa caminos naturales, Mapaplus, Tui España Turismo, Viajes ruta solar, Ter travel, Viagens Abreu, Pinhal tour, Esobur e Pisa mundo.

 

Arriba