Galicia acolle a 98ª reunión do Consello Executivo da Organización Mundial do Turismo con delegacións de 54 países
O Consello Executivo da Organización Mundial do Turismo -OMT- celébrase por primeira vez en Santiago de Compostela. O Hostal dos Reis Católicos acolle ás delegacións de 31 países membros do Consello Executivo e mais de 23 países non membros.
O encontro enmárcase nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago e a directora de Turismo de Galicia realizará na xornada de hoxe unha exposición sobre o Camiño de Santiago.
A Organización Mundial do Turismo é a única axencia das Nacións Unidas con sede en España e o seu Consello Executivo reúnese dúas veces ao ano. A OMT é a principal organización internacional no ámbito turístico e impulsa a contribución do turismo ao crecemento económico, ao desenvolvemento incluínte e á sustentabilidade ambiental
O Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela é a sede da 98ª Reunión do Consello Executivo da Organización Mundial do Turismo. Ao encontro, que por primeira vez se celebra na capital galega, acoden delegacións de 54 países; 31 deles son membros do Consello Executivo e outros 23 son países non membros. Ademais, participaron nesta sesión de traballo en Santiago un total de 18 representantes de membros afiliados á Organización Mundial do Turismo.
O encontro está enmarcado nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, estivo presente no encontro e resaltou a gran proxección e relevancia que Galicia e o Camiño de Santiago alcanzan acollendo eventos como este, que converte a Galicia na capital do turismo mundial e que outorga ás delegacións presentes no encontro a posibilidade de coñecer os recursos e produtos turísticos da comunidade.
A mesa do Consello Executivo en 2014 está presidida por Indonesia e vicepresidida por Xamaica e Mozambique. A Organización Mundial do Turismo é a principal organización internacional no ámbito turístico e impulsa un turismo que contribúa ao crecemento económico, ao desenvolvemento incluínte e á sustentabilidade ambiental e conta con 156 Estados membros.
A misión do consello é adoptar as medidas necesarias, en consulta co secretario xeral, para o cumprimento das súas propias decisión e das resolucións da Asemblea Xeral, informado a esta da súa actuación. Reúnese polo menos dúas veces ao ano. A reunión número 97, celebrada en agosto do ano pasado, tivo lugar en Livingstone (Zambia). As Cataratas Victoria en Zimbabue e Belgrado, en Serbia foron as sedes anteriores.
A OMT defende a aplicación do Código Ético Mundial do Turismo para maximizar a contribución socioeconómica do sector minimizando os posibles impactos negativos. Ao tempo, ten o compromiso de promover o turismo como instrumento para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento das Nacións Unidas para o Milenio (OMD). A axencia das Nacións Unidas promove a competitividade nas políticas turísticas, fomenta a formación en materia de turismo e traballa para desenvolver o sector turístico a través de proxectos de asistencia técnica en máis dun cento de países de todo o mundo.
Incremento Turismo Internacional
Galicia acadou en 2013 o seu máximo histórico de viaxeiros internacionais aloxados cun total de 913.000. O mercado internacional acadou cotas do 24,1% no total de viaxeiros aloxados e do 20% no total das pernoitas rexistradas.
VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago
Galicia celebra ata 2015 a conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, que contará con outros importantes eventos congresuais entre os actos máis significativos –ademais de con esta reunión do Consello Executivo da OMT que se enmarca nos actos da conmemoración- como é o caso do I Congreso Internacional de Peregrinacións e Turismo, que conta tamén coa colaboración da Organización Mundial do Turismo, e que se celebrará o vindeiro mes de setembro.