13 xuñ 2014

A Festa da Rosa de Mos e a Festa das cereixas de Paiosaco, novas festas de interese turístico de Galicia

Con estas declaracións, a comunidade conta xa con 103 festas de interese turístico de Galicia, 13 festas de interese turístico nacional e 6 festas de interese turístico.

 

O Consello da Xunta aprobou onte a declaración de festa de interese turístico de Galicia para a Festa da Rosa de Mos e a Festa das cereixas de Paiosaco, que cumpren os requisitos definidos no Decreto 39/2001, regulador da declaración de festas de interese turístico de Galicia.

De acordo co procedemento para a declaración de festas de Galicia de interese turístico regulado no capítulo III do citado decreto, valoráronse por parte da comisión de valoración as solicitudes presentadas de acordo cos requisitos de antigüidade mínima de dez anos, singularidade e orixinalidade así como o seu arraigamento popular e o seu valor cultural. Ao mesmo tempo, a comisión ten en conta criterios como a afluencia de visitantes, a calidade dos actos que configuran a celebración e o coidado da contorna paisaxística, urbana e monumental.Tamén destaca o feito de que por Mos transcorre a Ruta Xacobea do Camiño Portugués.

A Festa da Rosa celébrase o 13 de xuño dende o ano 1973. Trátase dun evento singular dedicado á rosa de Quirós, presente nas insignias representativas do concello. Esta festa é o centro dunha ampla variedade de actos culturais e lúdicos, en que se combina a tradición e a música e nos cales participan asociacións culturais e veciñais.

O Consello da Xunta tamén aprobou onte a declaración como festa de interese turístico de Galicia para a Festa das Cereixas de Paiosaco, na Laracha.

A Festa das Cereixas de Paiosaco celébrase dende hai varios séculos no primeiro domingo do mes de xullo. A súa singularidade vén dada porque existen poucas festas dedicadas á exaltación deste produto, a cereixa. As celebracións contan con exposicións fotográficas, actos lúdico-festivos, música e bailes tradicionais. Na festa participan o tecido asociativo da parroquia de Lestón, a veciñanza así como os vendedores e o sector comercial do municipio.

Con estas declaracións, a comunidade conta xa con 103 festas de interese turístico de Galicia, 13 festas de interese turístico nacional e 6 festas de interese turístico internacional.
 

Arriba