16 xuñ 2014

A xornalista danesa Milla Molgaard goza dunha estancia na Guarda logo de gañar o premio España en palabras

A vila pontevedresa en un dos catro destinos turísticos EDEN españois catalogados pola Unión Europea. Turismo de Galicia colaborou coa organización da estancia da xornalista no sur da provincia de Pontevedra
Turismo de Galicia organiza, en colaboración coa OET de París un presstrip para xornalistas especializados franceses que percorrerán esta semana a costa galega.

A xornalista danesa Milla Molgaard, gañadora do concurso convocado pola Oficina de Turismo de España en Copenhague España en palabras, goza estes días dunha estancia na vila pontevedresa da Guarda e o sur de Pontevedra, como premio desta convocatoria.

Molgaard foi distinguida co primeiro premio España en palabras 2013 por un traballo relacionado coas festas e o turismo sustentable que ten como recompensa unha estancia nun destino europeo de excelencia (EDEN), neste caso a vila da Guarda.

Pola súa parte, Turismo de Galicia colaborou na organización da estancia desta xornalista, así como no financiamento da mesma.

Programa da visita
Milla Molgaard chegou a Vigo e trasladouse á vila de Baiona para aloxarse no Parador Conde de Gondomar. A xornalista danesa visitou A Guarda, o Monte de Santa Tegra e o contorno costeiro deste concello do sur de Galicia.

Está previsto que visite o porto de Vigo e as Illas Cíes, onde tivo a oportunidade de comprobar a xestión do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

A Guarda foi elixida como destino para este premio xa que conta coa distinción EDEN, que en España só teñen outros tres lugares: o Ecoparque de Trasmiera (Cantabria), o Delta do Ebro (Tarragona) e a Serra das Neves (Málaga).

O programa Destinos Europeos de Excelencia é un proxecto da Comisión Europea que fomenta modelos de desenvolvemento de turismo sustentable na Unión Europea. O proxecto baséase en concursos nacionais que se desenvolven todos os anos desde 2006 e que culminan coa selección un destino de excelencia turística por cada país participante. A característica principal dos destinos seleccionados é o seu compromiso coa sustentabilidade social, cultural e ambiental.

Press trip medios franceses
Os xornais Le Monde e Le Point e outros cinco medios especializados participaron nun press trip organizado por Turismo de Galicia que visitou as cidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, e tamén a Costa da Morte e As Rías Baixas

Os xornalistas franceses relacionados coa comunicación turística visitan Galicia para coñecer a oferta do produto turístico ‘Faros e praias salvaxes’ relacionado coas actividades nas costas galegas.

Percorreron A Coruña, Cabo Vilán e Fisterra. Realizarán tamén unha visita a Carnota e O Ézaro. Despois desta visita á Costa da Morte, os sete xornalistas franceses trasladaranse a Santiago de Compostela.

Na súa estadía en Galicia, o grupo achegouse ata O Morrazo, onte visitaron a Costa da Vela e Cabo Home, cunha parada no cruceiro de Hío. Pola tarde estiveron na cidade de Vigo.

Os xornalistas que participaron nesta viaxe organizada por Turismo de Galicia en colaboración coa Oficina de Turismo de España en París, son Aline Cochard, do xornal Le Point; Sylvie Kerviel, de Le Monde; Pierre Come, de Centre Presse; Evelyne Dreyfus, de Radio Judaique; Jacques Douay, da web lesboomeuses.com; Marie Lincourt, da web magcentre.com; e Jean Pierre Combe, da web tourmag.com.

Arriba